+034 986 09 02 04 Venres 22 de Novembro de 2019

XUNTA E CONCELLO DE VALGA DEBEN GARANTIR A SEGURIDADE E A PROTECCIÓN DA VECIÑANZA


Esta mañá acudiron á base do GES de Valga o deputado Luís Bará, o concelleiro do BNG de Caldas, Manuel Fariña, e Antonio Rodríguez Touceda, do BNG de Valga. Neste encontro cos profesionais do servizo de emerxencias anunciaron a presentación dunha iniciativa no Parlamento Galego para tratar de corrixir a anómala situación que están a vivir os profesionais deste corpo, a cal provoca unha desprotección total e absoluta da veciñanza dos concellos da súa área de actuación.

 

A pasada noite produciuse un incendio en Carracedo, que podería ser atallado rápidamente por parte deste grupo de emerxencias. Sen embargo, a única operaria que estaba de garda tivo que agardar a que chegaran os membros de Protección Civil de Cuntis, pois un único operario non pode actuar en solitario contra un incendio forestal. Paralelamente a este incendio, houbo outras incidencias nas que o GES tampouco puido actuar.

 

“Bello Maneiro está a comportarse como un alcalde caprichoso e irresponsable, que pon en perigo a seguridade non só da plantilla de traballadores e traballadoras do GES, senón tamén de todas as veciñas e veciños dos cinco concellos da área de actuación deste grupo supramunicipal, o cal non estamos dispostos a consentir” afirmou Manuel Fariña.

 

“O Concello de Valga non só debe manter o GES, senón que debe estar operativo e funcionar correctamente para garantir a protección das veciñas e veciños ante posibles emerxencias” sentenciou Rodríguez Touceda.

Pola súa banda, Luís Bará criticou a deixación de funcións da Xunta de Galiza a respecto da definición das funcións e condicións de traballo destes grupos de emerxencias, así como tamén a falta de dotación dos medios necesarios, vendo como no caso de Valga están traballando cun camión que non reúne as condicións para actuar con seguridade nun incendio por exemplo. A Xunta é quen debe definir as funcións dos GES para que sexan realmente operativos, e non permitir a prepotencia e autoritarismo do alcalde de Valga, que provocan que a poboación fique desprotexida ante posibles emerxencias.

Deja un comentario