+034 986 09 02 04 Venres 07 de Agosto de 2020

ALTAMIRA GONZALO REIVINDICA LEIS QUE “REMOVAN OS OBSTÁCULOS QUE IMPIDEN O AVANCE CARA A IGUALDADE”


“Hai por parte de xuíces moitas reticencias a aplicar leis que supoñen avances para as mulleres. Trátase dun problema de ideoloxía, de falta de empatía, de machismo”

A xornada matinal de “Muller e poder”, no marco da Escola de Igualdade María Vinyals, rematou coa conferencia “A igualdade desde a perspectiva xurídica” a cargo de Altamira Gonzalo, na que se analizou o papel do dereito no avance cara a igualdade real das mulleres. Gonzalo é avogada e vicepresidenta da asociación de Mulleres Juristas Themis. Tamén foi asesora xurídica da Dirección do Instituto de la Mujer entre 1987 y 1990, vogal do Observatorio Estatal contra a Violencia de Xénero e comparecente no Congreso dos Deputados en materias como o tráfico de mulleres, a Lei para a Igualdade efectiva entre mulleres e homes, a aplicación da Lei Orgánica de protección integral contra a violencia de xénero e na tramitación da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo.

“Avanzamos moito e eu teño esperanzas no futuro, pero necesitamos unhas leis que non dean lugar a moitas interpretacións e nos sirvan para avanzar de verdade cara a igualdade real”, asegurou Gonzalo. Sen embargo, como punto de partida, argumentou a visión andocéntrica e misóxina do dereito, destacando, entre outras cousas, que a “nosa Constitución Española ten sete pais e ningunha nai” ou o Código Civil que asegura que a dilixencia é “a dun bo pai de familia”. Esa visión andocéntrica tamén se apoia na linguaxe masculina presente en todos os artigos da Constitución Española que unicamente se refire á muller en dous artigos: o relativo ao matrimonio e á sucesión da coroa.

Amais, a posición andocéntrica tamén queda reflexada no sistema xudicial, “xa que quen interpreta as leis tampouco é aliado das mulleres no avance cara a igualdade”. Deste xeito Gonzalo afirmou que “as nosas leis e a aplicación das mesmas responde a unha concepción patriarcal, aínda que hai que recoñecer que houbo unha grande evolución”. Así, a avogada referiuse aos grandes avances que tiña acadados durante a II República, cunha Constitución avanzada na que o principio de igualdade estaba introducido na lei ou o recoñecemento do divorcio, que foron truncados coa Ditadura, “unha época escura e de perda de dereitos no ámbito persoal, familiar e laboral e un Código Civil do século XIX”.

Os cambios comezaron a partir de 1978 e a partir das reivindicacións do movemento feminista relativas á liberdade sexual, ao control da natalidade ea o dereito ao divorcio que trouxeron consigo leis como que deixara de ser delito a venda de anticonceptivos e a desaparición do adulterio no mundo civil. Tamén da man da Constitución Española que introduciu o principio de igualdade que, dende fai corenta anos inspira o ordenamento xurídico e supuxo a modificación das leis para adaptalas á mesma. A partir de entón aprobouse a lei do divorcio, que introduce a igualdade nas relacións persoais, económicas e materno-filiais, a lei do aborto e comezan a incorporarse directrices comunitarias da Unión Europea.

“As leis son importantes, son un instrumento para a igualdade porque se poden facer cumprir, pero as leis teñen que servir para remover os obstáculos que impiden o avance cara a igualdade”, asegurou Gonzalo. Neste eido, e como fitos lexislativos en materia de igualdade, a avogada nomeou á Lei Integral contra Violencia do 2004 e a Lei de Igualdade do 2007. No caso da primeira, enxalzou o carácter preventivo da lei, algo que a converteu en modelo para outros países. Pola súa banda, sobre a segunda Gonzalo destacou o relativo aos permisos de maternidade e paternidade e a representación equilibrada, cunha incidencia na elaboración das listas electorais.

Sen embargo, tamén fixo fincapé na problemática existente en canto á aplicación da lexislación. “Hai por parte de xuíces moitas reticencias a aplicar leis que supoñen avances para as mulleres e temos que levar a cabo unha dobre estratexia para defender ás mulleres. Trátase dun problema de ideoloxía, de falta de empatía, de machismo e ten moito que ver coa Escola Xudicial”, asegurou a avogada quen destacou o “corporativismo tremendo do centro que transforma por completo ás persoas que aproban a xudicatura”.

Deja un comentario