+034 986 09 02 04 Luns 09 de Decembro de 2019

AS CONTAS DO CONCELLO DE CERDEDO-COTOBADE


A proposta económica do BNG para os vindeiros anos consiste nunha xestión eficiente dos recursos que permita impulsar todas as potencialidades produtivas con que contamos en Cerdedo e Cotobade. Para conquerilo é necesario un aumento dos ingresos do Concello para ampliar a capacidade financieira e así atender as necesidades prioritarias e cubrir as carencias máis urxentes. Non se tratar de realizar unha mera xestión contable do “cumprir por cumprir”, que en realidade oculta unha falta total de proxecto. No BNG non nos conformamos co que temos e acreditamos en que a situación de un concello rural como o noso pode mellorar moito.

Para pór en marcha políticas muinicipais propias e acaídas á nosa realidade compre fixar obxectivos claros e viabeis, que nós consideramos básicos, como o aumento do emprego e a fixación de poboación no ámbito territorial propio; o pleno desenvolvimento dos sectores produtivos que utilicen os recursos existentes no noso territorio; a extensión e mellora na prestación de servizos sociais; a promoción do economía entorno á cultura e o turismo rural e de calquer actividade compatíbel co respecto ao meio natural e ao noso patrimonio cultural. Tratase de mellorar a calidade de vida de todas e todos.

Non se pode seguir a despilfarrar o diñeiro de todos en obras por aquí e obras por alá que non sirven para incentivar a economia local, e sobretodo cando se realizan con un afán de notoriedade política eleitoral e non obedecen a un plano estratéxico que fixe obxectivos serios e a longo prazo.

O goberno do señor Cubela vén de anunciar un proxecto de orzamentos para este ano 2019 de 4.119.740 €, o que supón unha forte baixada a respeito dos de 2018 en case un 20%. O Partido Popular “bota balóns fóra” e responsabiliza da baixada do orzamento a causas alleas á súa xestión. Non foi quen de aumentar os ingresos propios do Concello para non ter que depender sempre das transferencias doutras administracións. Non foi quen de aumentar o nível de autonomía investidora do noso Concello porque a sua política fiscal carece de previsión e ollada a longo prazo. Carece de proxecto. Oito anos son suficientes para constatar que non dan máis de si, e só están preocupados por non incomodar aos seus xefes de partido.

Para aumentar a capacidade investidora do Concello necesitamos conquerir aforro neto, aumentando os ingresos ou moderando o gasto.

Neste sentido facemos algunhas perguntas:

•Está o Concello de Cerdedo-Cotobade a cobrar todos os impostos e taxas dos que ten potestade recadatoria?

•Están a pagar todas veciñas e veciños, negocios e empresas que dan servizos no noso territorio, as taxas e impostos que en xustiza lles corresponden, ou só pagan os de sempre? Non se trata de pagar máis senón de evitar a fraude e garantir a igualdade contributiva de todas e todos as veciñas e veciños.

•Por exemplo, está o Concello de Cerdedo-Cotobade a cobrar a taxa do 1,5% sobre a facturación anual das compañías (eléctricas e doutros subministros, comunicacións, etc) aos seus clientes en Cerdedo-Cotobade, polo uso privativo ou aproveitamento especial do solo, subsolo e vó das vías públicas municipais, amparada polo R.D.L. 2/2004, Lei de Regulación das Facendas Locais?

•Está o Concello a cobrar esta mesma taxa do 1,5% sobre a facturación anual das mesmas compañias cuxas instalación atravesen territorio do termo municipal aínda que non subministren servizos en dito territorio?

•En caso afirmativo, foron xa reclamadas as cantidades correspondentes aos exercicios non prescritos, ás que ten direito o Concello?

•Foron xa abonadas ao Concello todas estas cantidades?

•Está o Concello a revisar con certa periodicidade os contratos con as subministradoras de enerxía para ver de mellorar a súas facturas?

•Existe algún plano de eficiencia enerxética que contribua á baixa da factura eléctrica do Concello?

•Existe algún estudo sobre gastos superfluos que se podan evitar?

Compre unha inspeción de todos os ingresos que o Concello non está a recadar por falta de rigor na xestión económica e financeira municipal. E compre a racionalización para cubrir as necesidades de un gasto corrente acorde com unha política social e económica coerente, e un investimento capaz de impulsar a actividade produtiva, que nos permitan seguir a viver aquí dignamente e non ter que marchar. Non se pode decidir o destino de un diñeiro que é de todas e todos, a golpe de ocorrencia ou co único fin de conseguir votos.

NO BNG NON NOS CONFORMAMOS !

Deja un comentario