+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Xullo de 2019

A ÁREA SANITARIA DE PONTEVEDRA E O SALNÉS INICIA UN PROGRAMA DE DIAGNÓSTICO E TRATAMENTO DE HEPATITE C E VIH MEDIANTE FERRAMENTAS DE INTELIXENCIA ARTIFICIAL


O obxectivo do plan Focus Galicia é incrementar o diagnóstico e o tratamento de casos de infección oculta por sendas patoloxías na poboación xeral
O xefe de servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, o doutor Juan Turnes Vázquez, acompañado do xefe de servizo do centro de saúde da Parda, Manuel Prieto; do facultativo de Atención Primaria do PAC de Cambados Santiago Pérez Cachafeiro, e do presidente da Asociación Galega de transplantados ‘Airiños’ e integrante do Comité de pacientes do Sergas, Abelardo Sánchez Sanjurjo, presentou esta mañá un novo programa asistencial do Servizo Galego de Saúde que proximamente se vai poñer en marcha na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Nos últimos 4 anos, dende a aprobación do Plan Estratéxico Nacional para o tratamento da Hepatitie C, foron tratados na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés máis de 850 pacientes, dos cales máis do 98% foron curados. Así mesmo, cómpre destacar que a mortalidade desta enfermidade foi reducida nun 50% en tan só tres anos.

Malia estas cifras tan esperanzadoras, estímase que aínda existen preto de 800 persoas afectadas por esta enfermidade, a maioría das cales descoñecen que a padecen. De maneira semellante, o aumento de novos casos de VIH é unha preocupación recorrente entre os profesionais da área sanitaria.

O obxectivo deste novo programa asistencial, denominado Focus Galicia e pioneiro a nivel autonómico, é incrementar o diagnóstico e o tratamento de casos de infección oculta por Hepatite C e/ou VIH na poboación xeral apoiándose en ferramentas de intelixencia artificial.

 

Este sistema automatizado actuará sobre a historia clínica electrónica, identificando a pacientes que, segundo criterio de idade, non dispoñan dunha analítica previa para VIH e/ou Hepatite C, advertindo en tempo real ao facultativo que atende ao doente nunha consulta médica xa prevista no ámbito de Atención Primaria, facilitando así a realización da correspondente analítica.

O programa, realizado en colaboración con Gilead, complétase coa implantación dunha vía clínica que garantirá un seguimento dos casos positivos para ofrecerlles unha rápida valoración e tratamento co especialista en hepatoloxía e/ou enfermidades infecciosas.

 

Enfoque innovador
En moitos casos, os pacientes ignoran que padecen una enfermidade silenciosa que, co paso do tempo provoca cirrose e cancro de fígado. Na actualidade, os centros hospitalarios de Pontevedra e O Salnés dispoñen de tratamentos seguros, eficaces e sinxelos que permiten curar a práctica totalidade das persoas que padecen Hepatite C.

Algo semellante ocorre cos casos de VIH, pois aínda que non se logra eliminar o virus, os profesionais dispoñen de tratamentos que aplicados de maneira precoz permiten controlar a enfermidade e evitar a transmisión do virus na poboación.

Grazas ao novo programa asistencial que previsiblemente se implantará na área sanitaria a finais de abril, estímase que no primeiro ano de funcionamento se chegarán a diagnosticar 212 novos casos de Hepatite C e 54 de VIH en Pontevedra e O Salnés que, de outra forma, non poderían ser identificados.

O elemento máis innovador deste programa piloto que se vai iniciar en Galicia é a utilización dun sistema asistido por intelixencia artificial que facilitará a identificación das persoas en risco, o acceso a un tratamento e a avaliación dos resultados.

Este enfoque dirixido á poboación xeral, tanto no caso da Hepatite C como do VIH, está en sintonía coas recomendacións das sociedades científicas, e en España unicamente se está levando a cabo en Cantabria, onde recentemente se anunciou un plan de eliminación da Hepatite C dirixido á poboación segundo criterios de idade.

Deja un comentario