+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

O CONCELLO INICIA A CUARTA FASE DO PLAN DE COMPOSTAXE DOMÉSTICA, QUE COMPLETA TODO O TERRITORIO E CONTA CON CEN VECIÑOS


Esta nova quenda oriéntase especialmente ás parroquias de Almofrei, Borela, Rebordelo, Valongo, Loureiro e Augasantas

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de iniciar a cuarta e derradeira fase de implantación do seu plan de compostaxe doméstica, que se desenvolve ao abeiro das axudas estatais do Plan PIMA Residuos e que completa deste xeito a súa extensión a todo o termo municipal coa incorporación das parroquias de Almofrei, Borela, Rebordelo, Valongo, Loureiro e Augasantas. En total, un cento de veciños están inscritos nesta nova quenda, o que eleva o total de participantes na compostaxe municipal a 270.

Esta nova fase, malia que estaba orientada especialmente a estas seis parroquias –as últimas en adherirse–, estaba aberta aos veciños de todo o termo municipal para favorecer a súa incorporación se non puideron tomar parte das tandas anteriores correspondentes coas súas parroquias. Así, hai veciños doutras zonas do territorio de Cotobade e incluso outros cinco da contorna de Cerdedo.

Ademais, a inscrición manterase activa algúns días máis e non se descarta que haxa novos participantes ao longo da vindeira semana, xa que varios veciños amosaron o seu interese por esta acción de reciclaxe dos residuos orgánicos. Pódese recabar información na oficina municipal de Medio Ambiente ou a través do teléfono 986 753006 e formalizar as súas inscricións en calquera das dúas sedes administrativas de Carballedo e Cerdedo ou a través do enderezo electrónico medioambiente@cerdedo-cotobade.gal indicando nome e apelidos, enderezo e teléfono de contacto.

En canto ao inicio desta cuarta fase, arrancou coas tarefas de formación no salón de actividades do consistorio de Carballedo e terá continuidade coa entrega dos composteiros, o material estruturante para converter o lixo orgánico en compost e as guías informativas. Posteriormente, realizaranse mostreos e controis para comprobar a axeitada realización destas accións.

Este plan de compostaxe doméstica arrancou en Cerdedo en 2016 e extendeuse ás parroquias cotobadesas de Carballedo, Caroi e Corredoira ao ano seguinte e, xa no pasado exercicio, ás de San Xurxo de Sacos, Santa María de Sacos, Tenorio e Viascón, polo que esta cuarta fase a

desenvolver no presente 2019 completa a súa implantación en todo o concello e a continuación irase despregando coa incorporación de máis familias.

O presidente municipal, Jorge Cubela, que estivo a departir con algúns dos participantes, explicou que este proxecto “é de gran importancia para seguir coa nosa filosofía medioambiental de apostar pola reciclaxe e a reducción de residuos” e valorou moi positivamente que case 300 familias do concello xa estean adheridas ao plan.

Deja un comentario