+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Xullo de 2019

UN TOTAL DE 9 EMPRESAS PRESENTAN AS SÚAS OFERTAS PARA SUPRIMIR UN TREITO DE CONCENTRACIÓN DE ACCIDENTES NA ESTRADA PO-308, ENTRE O MIRADOIRO DA GRANXA E O ACCESO A NANÍN, EN SANXENXO


Esta actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dispón dun orzamento de 530.000 euros e está enmarcada na estratexia para ter eliminados en 2020 todos estes tramos nas vías de titularidade autonómica
Un total de 9 empresas presentaron as súas ofertas para executar as obras de supresión dun tramo de concentración de accidentes na estrada PO-308, entre o miradoiro da Granxa e o acceso a Nanín, ao seu paso polo Concello de Sanxenxo.

Trátase dunha actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade que dispón dun orzamento de 530.000 euros, nos que se inclúe o pagamento aos titulares dos 9 predios necesarios para a execución desta intervención na mellora da seguridade viaria nesta vía.

O proxecto define as actuacións necesarias para a eliminación dun treito de concentración de accidentes, redactado no marco da estratexia que está a desenvolver a Xunta para eliminar os chamados “puntos negros” na rede autonómica de estradas.

As actuacións desenvolveranse no tramo da PO-308 comprendido entre o punto quilométrico 12+450, despois do miradoiro da Granxa, e o punto quilométrico 15+200, antes de chegar a Nanín.

Os traballos previstos no tramo consistirán na construción dunha glorieta na intersección do punto quilométrico 13+760 coa estrada provincial de acceso á praia de Areas. Neste punto existe un cambio de sentido con carril central de espera que non ten eliminado a accidentalidade da intersección.

Desde o punto quilométrico. 12+760 ao 13+700, na zona da curva dos Cotos, renovarase o firme, reforzarase a sinalización e balizamento e os sistemas de contención.

Ademais, ampliarase a plataforma da estrada para acondicionar as paradas de bus existentes no treito, para evitar que os autobuses interfiran o tráfico durante as paradas. Executarase algún pequeno tramo de senda peonil no espazo ocupado pola cuneta desde as paradas de bus ata o paso de peóns máis próximo.

Tamén se modificarán as beirarrúas existentes nas interseccións do tramo para adaptalas á normativa de accesibilidade e reforzarase a sinalización de limitación de velocidade e nos pasos de peóns para facilitar a súa percepción.

Cabe salientar que tras a información pública se introduciron no proxecto pequenas modificacións para atender as solicitudes das asociacións de ciclistas, tendo en conta que o treito obxecto da actuación forma parte dunha ruta ciclista cualificada coma protexida pola Dirección Xeral de Tráfico. Neste sentido, sinalizarase a presenza de ciclistas no tramo e substituiranse os fitos de aresta inicialmente previstos nas interseccións para evitar o aparcamento pola ampliación da beirarrúa nos cruzamento.

Deja un comentario