+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

O MUSEO VERBUM DE VIGO ACOLLERÁ O PRÓXIMO MÉRCORES A II XORNADA TURISTIC NA QUE REFERENTES DO SECTOR DE TODO O ESTADO DEBATIRÁN SOBRE TURISMO INTELIGENTE


Máis de 200 especialistas en turismo e tecnoloxía buscarán soluciones para mellorar a xestión dos destinos e a súa accesibilidade

 

O Museo Verbum de Vigo acollerá este ano a II Xornada TurisTIC, organizada pola Deputación de Pontevedra, que ten por obxectivos impulsar a competitividade do sector turístico e incrementar a aposta por solucións tecnolóxicas para mellorar a súa xestión, accesibilidade e sustentabilidade. O interese pola xornada desbordou todas as previsións e, de feito, a institución tivo que ampliar o aforamento para dar cabida aos 200 especialistas e representantes dos concellos da provincia que mostraron a súa disposición a participar nun evento que converte á provincia de Pontevedra nun referente no debate sobre os destinos turísticos intelixentes.

A presidenta, Carmela Silva, abrirá o próximo mércores as xornadas que este ano contan coa colaboración da Zona Franca e que amplían o seu programa lanzando, en colaboración con Minube e SmartPeme, o Desafío Hackaton DESTInno, unha iniciativa que repartirá 4.500 euros en premios ás persoas creadoras das mellores solucións tecnolóxicas para fortalecer a eficiencia dos destinos turísticos. O proxecto Desafío DESTInno nace coa intención de fortalecer a integración das TIC na xestión do turismo, garantindo a calidade e satisfacción das e os visitantes e as comunidades locais e demostrando que, se se xestiona ben, o turismo actúa como axente de cambio. As 28 persoas inscritas traballarán os días 8 e 9 na sede da Deputación en Vigo e os gañadores expoñerán o seu proxecto o día 10 como peche da II Xornada TurisTIC no Verbum.

Nas sesións do mércores, o primeiro relatorio analizará a imprescindible colaboración entre o sector público e privado e contará coa participación de Carmela Silva, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o delegado de Zona Franca, David Regades, o responsable do Sistema de Xestión no aeroporto de Vigo, Javier Yagüe, e o director xeral de Instituto para a Calidade Turística Española, Fernando Frade. Ao longo da xornada analizaranse exemplos concretos de proxectos turísticos intelixentes cos e coas responsables de Eco Hotel Nós, Piragüilla Lecer e Aventura e Viaxes Arqueolóxicas e está programada unha charla sobre a importancia de xestionar os datos dos usuarios de servizos turísticos por parte do xerente de Márteting de Cloud, Blockchain & Big Data en Telefónica, Enrique González Lezana. O xerente de Desenvolvemento de Produtos de AENOR, Sergio González, a Xefa de Proxectos de Segittur, Edurne Vidal, e Iñaki Gaztelumendi, experto en turismo e presidente de Spain Live Music, intervirán nunha mesa redonda sobre a gobernanza dos destinos intelixentes.

A edición deste ano de TurisTIC introduce como novidade o Centro de Demostración de Solucións Tecnolóxicas que pretende servir de escaparate ao tecido empresarial e que logrou ocupar xa os 15 expositores ofertados. Neste punto as persoas participantes poderán interactuar e expor as súas solucións ao resto do sector turístico da provincia.

TurisTIC é unha iniciativa, enmarcada nas liñas do Plan Estratéxico de Turismo, para seguir apostando por un turismo de calidade, sustentable e innovador, que se referenda coa nova posición da Deputación de Pontevedra como única entidade galega que é membro da Comisión Executiva da Rede Nacional de Destinos Turísticos Intelixentes, organismo que definirá o modelo de turismo do futuro.

Deja un comentario