+034 986 09 02 04 Martes 17 de Setembro de 2019

A XUNTA CONVOCA Á FEGAMP PARA TRASLADAR A SÚA ANÁLISE SOBRE A INCIDENCIA QUE SUPORÁ EN GALICIA A MODIFICACIÓN DO REGULAMENTO DA LEI DE COSTAS


As conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Mar explicarán aos representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias como este cambio no Regulamento da Lei de Costas contravén o que sinala unha normativa con rango de lei

A Xunta de Galicia vén de convocar á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a unha reunión para abordar como a modificación do Regulamento da Lei de Costas afectará á Comunidade galega. As conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, presidirán mañá mércores, 10 de abril, a reunión á que están convocados o presidente da Fegamp, Alfredo L. García Rodríguez, e o vicepresidente primeiro, Alfonso Villares Bermúdez. A reunión terá lugar na Sala de reunións da Consellería de Medio Ambiente en San Lázaro

Ambas conselleiras explicarán como a modificación do regulamento da Lei de Costas, que está a tramitar o Ministerio para a Transición Ecolóxica, contravén o previsto nunha norma con rango de lei (a Lei 2/2013, do 29 de maio, para as concesións de ocupación de dominio público marítimo-terrestre, así como as concesións para o seu outorgamento), ao pretender que o prazo concesional extraordinario establecido en 75 anos deberá contabilizarse desde o prazo inicial da concesión, e non desde o ano no que foi tramitada a renovación da mesma.

Neste encontro tamén advertirán aos membros da Fegamp que -de seguir adiante coa modificación do regulamento de Costas- esta decisión do Goberno do Estado pode deixar nunha situación de inseguridade xurídica a máis de 100 empresas galegas, entre conserveiras, instalacións de acuicultura e depuradoras e cocedoiros de moluscos, así como equipamentos públicos como, colexios, centros de saúde ou depuradoras.

Asemade, recordarán que a Lei de Costas -na súa exposición de motivos- recolle que a natureza da prórroga excepcional é dar resposta á extinción das concesións que expiraron en 2018; polo que con carácter xeral, o prazo máximo desta prórroga extraordinaria fixouse en 75 anos para facela coincidir co novo prazo máximo que se poderá outorgar as concesións, na procura de estabilizar dereitos nun prazo temporal semellante. Esta cuestión é un dos argumentos que se empregan nas alegacións presentadas pola Xunta, é dicir, que se manteñan os criterios e condicións que se tiveron en conta no momento de outorgar as concesións de ocupación en dominio público marítimo terrestre.

Por último, denunciarán o xeito no que se está a tramitar esta modificación, pois só da sete días hábiles para presentar alegacións e reduce a dez días naturais o período de información pública; polo que a Xunta xa solicitou unha ampliación do prazo para a presentación de alegacións, co fin de permitir aos interesados a intervir ou opinar neste procedemento.

Deja un comentario