+034 986 09 02 04 Venres 13 de Decembro de 2019

MARCELINO COUTO OPTA Á ALCALDÍA DAS NEVES PARA “REORIENTAR AS PRIORIDADES DO CONCELLO PARA A VECIÑANZA”


O candidato estivo acompañado polo secretario xeral provincial, David Regades, e o secretario xeral nacional, Gonzalo Caballero
“Temos que reorientar as prioridades do Concello para a veciñanza”. Macelino Couto presentouse este martes ante a veciñanza das Neves como o candidato socialista á alcaldía nas próximas eleccións de maio.
“Os últimos catro anos de cogoberno non foron fáciles”, asegurou Couto ante un salón dun restaurante da vila cheo ata os topes, facendo mención aos incendios e riadas que sufriu a vila. O candidato quixo recoñecer o traballo levado a cabo polo actual voceiro e concelleiro socialista, Eduardo Mariño, “quen foi capaz de levar a cabo un gran traballo” pese aos inconvenientes.
O novo candidato á alcaldía quixo agradecer aos compañeiros do partido a confianza depositada nel ao elixilo candidato por unanimidade. “Fixéstesme sentir moi querido”, sinalou, para engadir que o acompaña “un gran equipo” para gobernar As Neves. “Se nos prestades a vosa axuda”, interpelou á veciñanza, “ímolo conseguir”.
Couto estivo acompañado de David Regades, secretario xeral provincial, que lembrou que son as e os socialistas os que poñen por diante “a política social dos intereses económicos”. O máximo dirixente do partido en Pontevedra puxo como exemplo as pensións ou o Salario Mínimo Interprofesional, “que algúns dicían que non se podía subir, e tivo que vir un goberno socialista para facelo”. “O noso voto é decisivo para frear a dereita”, finalizou Regades.
O acto tamén contou coa presencia de Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, que centrou a súa intervención en facer un chamamento á participación. “É moito o que nos xogamos nas próximas dúas citas electorais”, asegurou o máximo dirixente do socialismo galego. “O 28 de abril temos que facer cos nosos votos presidente a Pedro Sánchez, e o 26 de maio a Couto alcalde das Neves”.

Deja un comentario