+034 986 09 02 04 Xoves 03 de Decembro de 2020

AS OBRAS HUMANIZACIÓN DA CHAN ARRANCARÁN XUSTO DESPOIS DE SEMANA SANTA TRAS A ADXUDICACIÓN A ORESA


O proxecto, no que se invisten máis de 400.000 euros incluíndo a consecución dos terreos, ensanchará beirarrúas e mellorará a estética

O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, vén de informar que as obras de humanización do núcleo da Chan, onde está a sede da capital do Concello, van arrancar xusto despois das festas de Semana Santa, segundo lle informaron representantes da empresa adxudicataria, cos que mantivo un primeiro contacto organizativo.

Esta actuación, que saíu a licitación a finais de ano, tivo unha proposta de contratación a finais de marzo para a empresa Obras, Reformas y Saneamientos (Oresa), que formalizou todos os trámites administrativos esta mesma semana e posteriormente informou do mesmo ao Concello para coordinar as medidas de seguridade e alternativas de tráfico durante as obras.

A firma fixo unha oferta económica de 316.000 euros tras rebaixar en 113.000 euros a contía sobre o orzamento de licitación. Nembargantes, o montante total desta actuación superará os
400.000 euros incluíndo o custo da consecución dos terreos.

Este proxecto, que tivo un longo proceso administrativo, xa que o Concello tivo que acometer unha modificación urbanística, consistirá no ensanchamento das beirarrúas, o acondicionamento de espazos públicos na Praza da Chan, a dotación de mobiliario urbano, a adopción de solucións que favorezan a confortabilidade do núcleo, a implantación de medidas de calmado de tráfico, a posta en valor e o acondicionamento peonil da capela de San Roque e a súa contorna e, en xeral, a mellora estética de toda a zona, incluíndo a travesía dende o consistorio.

Esta actuación, concebida como a terceira fase da reforma urbana da Chan e que pretende realzar o seu gran valor patrimonial, tamén contempla a creación dun aparcadoiro público gratuíto en superficie con 55 prazas fronte ao centro de saúde, que era unha das principais demandas dos veciños e unha das teimas perseguidas polo goberno local.

En principio, está previsto que a humanización estea lista para este verán e, por mor dos inminentes traballos, Cubela solicitou colaboración e prudencia aos veciños pola presenza de maquinaria pesada e operarios e pedíu desculpas polas posibles molestias destes meses.

Deja un comentario