+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Xullo de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O MUSEO VOLVE AMPLIAR A SÚA OFERTA DE VISITAS GUIADAS DURANTE A SEMANA SANTA E ABRE AS RUÍNAS DE SAN DOMINGOS


Entre os domingos 14 e 21 de abril oferta dúas visitas diarias para coñecer as xoias artísticas máis representativas de cada época histórica que forman parte da súa colección permanente
A partires de mañá, sábado 13 de abril, e ata o 31 de outubro permanecerán abertas ao público as Ruínas de San Domingos, o que se sumará á ampliación da oferta de visitas guiadas que o Museo ofrece para o período da Semana Santa. Atendendo a que esta festividade implica habitualmente máis días de lecer e visitas de persoas de fóra da cidade, o gabinete didáctico do Museo de Pontevedra amplía o programa de visitas guiadas, co obxecto de establecer novos itinerarios pola colección permanente. A participación, como vén sendo habitual, é de balde.
Ao igual que se fixera no ano anterior, as persoas que o desexen poden participar nun itinerario comentado que se deterá nas obras máis representativas expostas nos edificios Sexto e Sarmiento e que, nesta ocasión, inclúe tamén o catro ‘Retrato dun médico’ de El Greco e que está temporalmente cedido polo Museo del Prado. Trátase dun periplo histórico-artístico que permite un achegamento á historia da arte galega partindo da colección de pezas prehistóricas e da antigüidade coa que conta o Museo e facendo todo un percorrido ata os e as grandes artistas dos séculos XX e XXI. Estas visitas terán lugar desde o domingo 14 de ao domingo 21 de abril -luns pechado- e haberá dúas opcións de horario. Pola mañá ás 12h –domingos e festivos só neste horario-, e pola tarde ás 18 horas. O punto de encontro establécese no mostrador do Sexto Edificio e non é necesaria inscrición previa.
No período de Semana Santa tamén será posible visitar as Ruínas de San Domingos, que se abrirán ao público a partires deste sábado 13 de abril. Os horarios das visitas comentadas serán de martes a venres non festivos, ás 17:30h; e os domingos e festivos ás 12h. Tampouco é preciso inscrición previa.
Para a que si será preciso inscrición previa será para ‘A ruta do Museo’. Este itinerario seguirase celebrando en sábado, ás 11:30 h, e propón unha aproximación á historia dos seis edificios que compoñen o Museo de Pontevedra e ás principais coleccións que custodia. O punto de encontro son as Ruínas de San Domingos e soe durar uns 90 minutos. Para participar é necesaria a inscrición previa a través do enderezo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es, ou ben chamando ao teléfono 986 804 100 extensión 42413.
Á marxe destes itinerarios sinalados, todos os grupos que queiran realizar unha visita ao museo a través do seu servizo gratuíto de guías e da súa ampla oferta de percorridos comentados, é necesario que concerten previamente cita co Gabinete didáctico.

Deja un comentario