+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Xullo de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN APROBA AS AXUDAS PARA OS FESTIVAIS AUDIOVISUAIS


Foron aprobadas as solicitudes dos oito festivais consolidados da provincia: Festival de Cans, Play-Doc de Tui, FIC Bueu, Festival de Curtas Armadiña, Novos Cinemas, Curtas Film Fest, Festival Internacional de Cine Inclusivo e Primavera de Cine
Na terceira convocatoria desta liña de axudas, a dotación orzamentaria foi incrementada ata os 130.000 euros co obxecto de contribuír ao mantemento e estabilidade deste tipo de certames
A Xunta do Goberno provincial vén aprobar na súa sesión de hoxe a resolución da liña de axudas para entidades sen ánimo de lucro para o apoio ao desenvolvemento de festivais audiovisuais na provincia de Pontevedra para o ano 2019. Resultaron aprobadas as oito solicitudes que optaron aos 130.000 euros que contempla esta liña, na que supón a terceira edición da convocatoria.
Os festivais cuxas solicitudes se aprobaron son o XVI Festival de Cans cunha contía de 26.000 euros, o XV Play-Doc de Tui con 25.000 euros, o XII FIC Bueu con 23.500 euros, o IV Festival Novos Cinemas de Pontevedra con 18.000 euros, o Curtas Film Fest de Vilagarcía con 15.000 euros, o VIII Festival Primavera do Cine de Vigo con 10.100 euros, o Festival de Curtas Armadiña de Poio con 5.450 euros, e o III Festival Internacional de Cine Inclusivo de Vigo con 5.271 euros.
A liña de axudas para entidades sen ánimo de lucro para o apoio ao desenvolvemento de festivais audiovisuais na provincia de Pontevedra foi creada polo departamento provincial de Cultura e Lingua no ano 2017, atendendo ás demandas das asociacións organizadoras dos principais festivais de curtas, documentais e cinema que se organizan na provincia, e que reclamaban unha liña estable de axudas con criterios obxectivables estables e transparentes. Hai que lembrar que coa creación desta liña de axudas, ademais de facer unha aposta decidida polo mantemento, impulso e estabilidade deste tipo de certames, inclúense criterios de publicidade, concorrencia, obxectividade e transparencia.
Os requisitos esixidos na convocatoria establecen que os festivais se leven a cabo durante o ano 2019, que teñan unha duración mínima de catro xornadas e realizar un mínimo de 20 proxeccións, que un mínimo do 10% dos títulos sexan de produción ou dirección galega, que inclúa actividades paralelas educativas ou formativas, e que empreguen como mínimo a lingua galega na comunicación e no seu desenvolvemento. Na valoración das solicitudes tivéronse en conta criterios como a calidade da programación atendendo a premios ou nominacións; o número de espectadores do ano anterior; as actividades paralelas realizadas na anterior edición; e a viabilidade do proxecto tendo en conta achegas doutra entidades e patrocinios. Tamén se valoraron o número de edicións xa realizadas, as actividades paralelas previstas para a edición 2019 e a previsión orzamentaria para o ano da solicitude.

Deja un comentario