+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019

CARME DA SILVA ASEGURA EN CALDAS QUE O SANEAMENTO DE RÍOS E RÍAS SERÁ “UNHA PRIORIDADE ABSOLUTA” PARA O BNG EN MADRID


A cabeza de lista insta aos desencantados e desilusionados doutras forzas políticas a que “aposten por Galiza apoiando ao BNG”

A cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, asegurou hoxe no mitin das xerais en Caldas que o saneamento de ríos como Umia e das rías galegas será unha prioridade para o BNG en Madrid. A nacionalista insistiu na necesidade de que Galiza recupere a voz propia no Congreso dos Deputados da man do BNG fronte ás forzas estatais “que nos ignoraron” na última lexislatura, polo que fixo un chamamento aos desencantados e desilusionados doutras forzas políticas a que “aposten por Galiza apoiando ao BNG”.

A candidata pontevedresa destacou na súa intervención varias das necesidades da vila de Caldas ás que o goberno do Estado “fixo oídos xordos” ata o de agora tanto cos gobernos do PP como co goberno de Sánchez e o apoio de Unidos-En Marea. Da Silva criticou o estado de contaminación do río Umia e subliñou que é preciso garantir a potabilidade da súa auga para a poboación da zona.

Ante varios representantes da ‘Plataforma antiencoro’ que asistiron ao mitin electoral tanto Da Silva como o candidato á alcaldía polo BNG (Manuel Fariña) subliñaron a necesidade de desmantelamento do encontro, que cualificaron como a causa fundamental da contaminación do río. “O encoro é o que está a producir os problemas”, insistiron.

A nivel xeral Da Silva explicou que o BNG aposta polo traspaso a Galiza de todas as competencias sobre Costas e Bacías Hidrográficas, o que suporía unha solución á situación do Umia en concreto.

“É fundamental que poidamos decidir, ter voz sobre as cuestións que nos atinxen, e ata o de agora os 23 deputados das demarcacións galegas nas anteriores lexislaturas estiveron mudos. Só cando o BNG estivo, Galiza estivo”, subliñou a candidata, para insistir que nun escenario sen maiorías absolutas como o que se presenta, a presenza de dous ou tres deputados do BNG marcaría as políticas e os orzamentos estatais a favor do país.

Infraestruturas
A candidata ao Congreso tamén fixo referencia en Caldas á “aldraxe da AP-9” e insistiu na necesidade da súa transferencia e na eliminación das peaxes. “Por que se poden rescatar as autoestradas vascas? Por que se rescatan as radiais madrileñas e a AP-9 non? En Madrid pensan que os galegos e as galegas somos de segunda división e iso non podemos permitilo. O BNG ten que dar voz a Galiza en Madrid”, dixo Da Silva. Asegurou, de feito, que PP e PSOE -co apoio de Podemos e En Marea- comportáronse sobre a AP-9 como dúas gotas de auga. “O BNG é o único voto útil para Galiza. Atendendo ao que aconteceu os últimos anos, iso está claro”, subliñou.

Outras das necesidades que Da Silva tamén apuntou e levará ao Congreso serán as transferencias das estradas N-550 e N-640 ao seu paso polo centro da vila, co fin de aumentar a seguranza viaria. “Levamos anos agardando isto”, dixo. Tamén lembrou a necesidade de completar o nó de Carracedo para facilitar a entrada á autoestrada cara a Santiago.

Pola súa banda, o candidato do BNG á Alcaldía de Caldas, Manuel Fariña, subliñou a importancia de recuperar a vila “do abandono e atonía na que se atopa”. Destacou que é preciso facer de Caldas un lugar seguro e atractivo, para o que é preciso rematar co tapón que supón a elevadísima intensidade de tráfico de vehículos e camións polo centro da vila. “Temos que recuperar a seguridade viaria e esixir en Madrid alternativas para eliminar o tráfico pesado do centro de Caldas”, dixo.

Fariña tamén ironizou sobre a actuación do actual grupo municipal de goberno e salientou que “non imos a Madrid para que nos boten unha man polo lombo e pinten unha varanda sen arranxar os buratos, o BNG no Congreso servirá para que Galiza conte en Madrid”.

Deja un comentario