+034 986 09 02 04 Luns 22 de Xullo de 2019

O DIARIO OFICIAL DE GALICIA PUBLICA A ORDE POLA QUE SE DECLARA COMO ESPAZO NATURAL DE INTERESE LOCAL O RÍO GAFOS


O DOG tamén publica o decreto polo que se aproba o plan de conservación, un documento no que se sentan as bases técnicas e as liñas que se deberán seguir nos próximos 10 anos para garantir a conservación dos valores naturais presentes neste espazo
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se declara como Espazo Natural de Interese Local o Río Gafos. A Xunta de Galicia completou recentemente os trámites para que o Río Gafos se converta no cuarto espazo natural de interese local (ENIL) de Galicia.

Con esta figura de protección, o Concello de Pontevedra -promotor da solicitude e responsable da súa xestión- asume o compromiso de poñer en práctica todas as medidas necesarias para garantir a conservación dos valores naturais que representa. A declaración tamén lle dará preferencia no acceso e obtención de axudas destinadas a garantir a súa preservación e mellorar a xestión desta zona.

Asemade, tamén se publica o Decreto polo que se aproba o Plan de conservación do ENIL Río Gafos, un documento preceptivo e imprescindible para poder obter a declaración definitiva e que foi elaborado polo Concello de Pontevedra para xestionar este espazo por un período inicial de 10 anos.

Neste plan establécense as bases técnicas para garantir a conservación das especies e hábitats presentes no río Gafos, valores que xustificaron precisamente a súa declaración como ENIL. Tamén recolle unha serie de medidas orientadas á recuperación progresiva do ecosistema fluvial cun importe total previsto de 230.000 euros, que achegará o Concello de Pontevedra, como promotor e xestor deste espazo, e que se investirán principalmente en mellorar a calidade da rede de sumidoiros no río e do ecosistema fluvial.

Así mesmo, e co obxectivo de garantir que se cumpran os fins perseguidos coa obtención do recoñecemento como ENIL, o plan de conservación do Río Gafos inclúe a posta en marcha doutras medidas concretas, como a eliminación de especies exóticas invasoras; a mellora do bosque de ribeira; o mantemento das marxes e dos reservorios para aves; a adecuación da temporalidade dos traballos que se acometan na zona; a realización de estudos de fauna e flora; ou a sensibilización ambiental da poboación.

Con respecto aos niveis de protección, no plan de conservación do Río Gafos o ENIL aparece dividido en tres partes: a zona de uso especial, terreos privados que ocupan a meirande parte do espazo e na que queda limitado o acceso público unicamente aos propietarios ou persoas autorizadas por estes; a zona de uso moderado, áreas dominadas por un ambiente natural en que a conservación dos recursos é compatible co lecer e outro tipo de actividades de uso público, polo que se permite o acceso libre; e a zona de protección, sometida ás máximas limitacións e pechada para o seu uso público en prol de garantir o obxectivo prioritario de conservación do espazo natural.

Case 50 hectáreas ao carón do río
O ámbito do ENIL Río Gafos confórmase arredor do río que leva o mesmo nome e ocupa unha extensión de 49,8 hectáreas localizadas na súa totalidade no ámbito do núcleo urbano do Concello de Pontevedra, un espazo moi visitado polos veciños e veciñas da vila. Desde o punto de vista dos valores naturais, trátase dunha zona moi rica en canto á biodiversidade.

Así, destaca sobre todo por ter unha comunidade vexetal moi diversa con presenza de bosques ribeiregos de gran densidade nos cales chama a atención a Narcissus cyclamineus, planta endémica da Península Ibérica, considerada no Catálogo galego de especies ameazadas como vulnerables; pero tamén por albergar 20 especies de mamíferos, 92 de aves, 11 especies de anfibios e outras tantas de réptiles, ademais dunha amplísima variedade de insectos.

O Río Gafos convértese, deste xeito, no cuarto ENIL de Galicia, xunto Cos de Xunqueira de Alba (tamén no Concello de Pontevedra e declarado no ano 2012), Loio-Ruxidoira (no municipio lucense de Paradela e que obtivo a declaración definitiva como ENIL en 2013) e Puzo do Lago (declarado en 2014 e localizado en Maside, Ourense).

En total, estes catro espazos naturais ocupan unha extensión de 584,4 hectáreas que hai que preservar e protexer. Neste sentido, a Consellería de Medio Ambiente será a encargada de tutelar a conservación dos ENIL, ao tempo que a súa xestión recaerá sobre os concellos promotores da declaración, que deberán cinguirse ás liñas de actuación marcadas no plan de conservación aprobado en cada caso co fin de establecer as normas de uso e aproveitamento do solo e dos recursos naturais, así como as regras relativas ao uso público e ás actividades científicas e educativas permitidas.

Nestes momentos, en Galicia existen oito solicitudes para declarar outros tantos espazos naturais de interese local, unha figura recollida na Lei de conservación da natureza de 2001 e desenvolvida posteriormente vía decreto no ano 2005. Delas, seis xa recibiron a declaración provisional por parte da Xunta e teñen presentados os seus respectivos plans de conservación, como requisito previo e imprescindible para que a Consellería de Medio Ambiente os declare ENIL de xeito definitivo. As outras dúas aínda están nunha fase inicial da tramitación.

Deja un comentario