+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Xullo de 2019

A ASOCIACIÓN CONTRA O CANCRO E ASOMAMOS INSTALARANSE NA LUDOTECA DE SAN RAFAEL


A directiva da Xunta Local de Mos de AECC reuniuse hoxe coa alcaldesa e a concelleira de Política Social

Esta mañá a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, reuníronse no Concello coa directiva da Xunta Local de Mos de AECC para pechar a cesión da Ludoteca de San Rafael para que esta asociación, xunto con ASOMAMOS, poida desenvolver a súa actividade nestas instalacións. Ambas agrupacións, tanto a Asociación Española contra o Cancro como a Asociación de Maiores, Pensionistas e Xubilados de Mos, contan con locais municipais onde levan a cabo a súa actividade; a primeira na Axencia de Colocación e a segunda no Multiusos das Pozas. Sen embargo, durante os últimos anos as dúas ampliaron notablemente a súa actividade e por conseguinte, o material do que dispoñen, quedándoselles pequeno o espazo dos locais dos que actualmente fan uso; e por elo levaban tempo solicitándolle ao Concello unha nova ubicación máis ampla onde poder instalarse.

Ludoteca de Louredo

Ademais, por outra banda, EVD Galicia están xa a impartir o Campamento Infantil de Semana Santa 2019 do Concello de Mos, que leva por título Artistas na Natureza, na Ludoteca de Louredo.

O campamento comezou hoxe día 15 de abril e continuará durante os días, 16, 17 e 22 de abril. Os participantes contarán con obradoiros e actividades ao aire libre así como xogos tradicionais e iniciativas de artesanía e reciclaxe.

O horario é de 9.00 a 14.00 horas e tamén se ofrece o servizo de Plan Madruga de 8.00 a 9.00 horas, e de comedor de 14.30 horas a 15.30 horas. O campamento tamén conta con servizo de transporte.

As idades dos 23 nenos/as participantes están comprendidas entre os 3 e os 12 anos.

O Concello de Mos informaba a principios do presente mes de abril de que ten en marcha o expediente administrativo das Ludotecas Municipais en San Rafel e Louredo para que poidan entrar en funcionamento despois de que a empresa que resultou adxudicataria do servizo renunciase ao mesmo e posteriormente quedase deserta a segunda convocatoria do concurso público. Desde ese momento, e ao non haber adxudicatario que as xestionase, as ludotecas atopábase sen actividade; e para evitar a infrautilización destas instalacións o Concello explorou outras posibilidades de xestión.

No marco do Plan de Integración HABITAMOS, cederase a xestión da Ludoteca de Louredo para a prestación deste servizo por parte de EVD Galicia. Un proxecto co que a asociación se atopa moi ilusionada. As usuarias de EVD teñen xa experiencia de anos impartindo obradoiros infantís tales como o de elaboración de marmeladas con escolares mosenses, etc. E precisamente esta semana atópanse organizando e desenvolvendo conxuntamente co Concello o Campamento Infantil de Semana Santa.

Deja un comentario