+034 986 09 02 04 Venres 22 de Novembro de 2019

AS CANDIDATURAS SOCIALISTAS AO CONGRESO E SENADO COMPROMETEN O SEU APOIO Á VARIANTE DA ESTRADA


O secretario xeral dos socialistas de Pontevedra afirmou que un goberno socialista nas administracións públicas fará posible poñer en marcha accións de revitalización do comercio e do tecido industrial que o municipio precisa

A Estrada acolleu esta mañá un encontro entre a veciñanza e os integrantes das listas ao Congreso e ao Senado Guillermo Meijón, Diego Cuiña e Daniel Chenlo, que estiveron acompañados do secretario xeral dos socialistas pontevedreses, David Regades, o candidato ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares e o candidato á alcaldía da Estrada, Luís López Bueno.
A reivindicación histórica da variante da N640 ao seu paso pola Estrada concentrou a intervención do candidato ao Congreso, Guillermo Meijón, quen se lamentou que sexa agora cando os populares se acordan desta infraestrutura vital para A Estrada. «En 7 anos ningún deputado do PP fixo nada por levala adiante, votando en contra de todas as nosas emendas aos orzamentos de Rajoy», explicou.
«As e os socialistas si que nos encargaremos de que a circunvalación sexa unha realidade. Agora os técnicos están na redacción do proxecto polo que aínda non temos datas pero comprometémonos a que todos os orzamentos consignados ao proxecto serán efectivamente investidos para materializar esta infraestrutura, unha gran débeda que temos con esta cidade», asegurou Meijón, que tamén destacou que se traballarán noutras obras menores na á N 640 en distintos puntos.
O secretario xeral do PSdeG-PSOE de Pontevedra, David Regades, destacou pola súa banda o apoio de todas as administracións públicas socialistas á Estrada con accións coordinadas desde a Deputación e tamén desde o Goberno de España para revitalizar o comercio local e o tecido industrial deste concello.
«Un goberno de Pedro Sánchez, Carmela Silva na Deputación e Luis Lòpez Bueno na Estrada será o tridente que remate coa sangría demográfica e económica que está a vivir A Estrada. Cremos que a única forma de afianzar a poboación é xerando emprego e servizos e os gobernos socialistas estarán nesta loita para darlle unha volta definitivo para esta vila», afirmou.
Regades quixo facer un chamamento á participación e exhortou á veciñanza a garantir unha vitoria electoral socialista que evite seguir perdendo tempo na posta en marcha de accións para a dinamización deste municipio.
Finalmente o candidato á alcaldía da Estrada, Luis López Bueno, destacou que a variante da Estrada permitirá propoñer un modelo máis sostible e eficiente de cidade e, ademais, «o apoio da Zona Franca nos permitirá asentar novas industrias que garantan un futuro para A Estrada», concluíu.

Deja un comentario