+034 986 09 02 04 Martes 16 de Xullo de 2019

OS CANDIDATOS AO CONGRESO E AO SENANDO COMPROMETÉRONSE A TRASLADAR OS PROBLEMAS DO SECTOR MARÍTIMO PESQUEIRO ÁS AXENDAS POLÍTICAS


As cotas da seguridade social, os controis, os residuos da pesca extractiva ou a ameaza de privatización no sector marisqueiro centraron o encontro que as candidaturas ás Cortes Xerais mantiveron en Vilanova de Arousa
As candidaturas ás Cortes Xerais mantiveron un encontro co sector marítimo pesqueiro da ría da Arousa para coñecer polo miúdo os seus problemas e preocupacións, entre as que se contan as cotas de seguridade social, a súa regulación ou os residuos xerados pola pesca extractiva.
Os candidatos ao Congreso, Guillermo Meijón e Jorge Maria, e ao Senado, Modesto Pose, xunto co candidato á alcaldía de Vilanova de Arousa, Javier Dios, mantiveron un encontro con representantes da Confraría de Vilanova e das mariscadoras do municipio co obxectivo de incorporar ás axendas políticas as preocupacións deste sector, vital para a economía da comarca.
Trala xuntanza “constatamos o total abandono por parte da Xunta no que se sinte o sector marítimo pesqueiro da comarca”, explicou Guillermo Meijón, quen destacou a falta de solucións aos residuos xerados pola pesca extractiva e o desequilibrio nas inspeccións, unhas veces por exceso delas que non conducen a nada e outras pola falta de control onde si fai falla.
“As e os socialistas adoptamos o compromiso co sector de trasladar ás diferentes administracións e ao próximo goberno estas preocupacións e particularidades do sector extractivo”, loitando por darlles solucións que lles permitan optimizar a súa situación laboral, explicou Pose.
No caso da reunión coas marisqueiras “saímos coa constancia de que todo o sector da ría ten a sospeita de que a Xunta quere facer privatizacións do sector marisqueiro, privatizacións ás que nós nos opoñemos, por ser un sector tradicional de toda a comarca cuxa privatización suporía a súa morte”, explicou o candidato á alcaldía por Vilanova de Arousa, Javier Dios, quen destacou a necesidade de analizar con maior profundidade a complexa situación das cotas da seguridade social do traballadores do sector extractivo ou os problemas que a Xunta lles pon ao funcionamento das súas confrarías, “problemas que agardamos que se poidan solucionar favorablemente a medida que os progresistas ocupemos o goberno nas diferentes administracións”.

Deja un comentario