+034 986 09 02 04 Luns 20 de Maio de 2019

O CONCELLO XA TEN LISTA A LICITACIÓN DO NOVO CENTRO SOCIAL DE ALENDE CON UNIDADE DE ATENCIÓN DE ALZHÉIMER POR 258.032 EUROS


O prego, que contempla un prazo de execución de cinco meses, sairá a concurso neste mes de maio, polo que a obra estará rematada en 2020

 

O Concello de Moraña xa ten lista toda a tramitación administrativa e o prego de bases para a rehabilitación integral do histórico edificio da antiga cámara agraria de Alende, na parroquia de Santa Xusta, e a súa posterior conversión nun Centro Social con unidade pública de atención de Alzhéimer. Esta actuación vaise licitar ao longo do mes de maio, dependendo dos prazos burocráticos e das correspondentes publicacións nos boletíns, por un orzamento máximo de 258.032 euros, dos que
200.000 serán cofinanciados pola Consellería de Política Social en virtude do convenio asinado entre ambas administración.

A alcaldesa, Luisa Piñeiro, explicou, tras recibir na xornada de hoxe toda a documentación por parte dos servizos técnicos, que a obra estará adxudicada neste verán e, dado que se contempla un prazo de execución máximo de cinco meses, o inmoble estará completamente rematado a comezos do 2020.

Este inmoble, que tamén pretende satisfacer as necesidades veciñais de Alende e a súa contorna para actividades e reunións, contará cunha unidade pública de atención de Alzhéimer impulsada pola Xunta e un plan de iniciativas sociais para a terceira idade, como eventos de envellecemento activo, encontros interxeracionais con participación da mocidade, accións de promoción da autonomía persoal ou actividades de prevención da dependencia, entre outras.

O edificio, que mantén na actualidade unha potente estrutura en pedra do país e conta con 217 metros cadrados de planta, vaise restaurar de xeito integral ao tempo que se habilitan distintas estancias no seu interior a través dunha actuación que respectará a fisonomía do inmoble. Así, dotarase dun amplo hall de acceso, almacén, despacho, dous aseos e unha sala xeral cunha superficie de 130 metros cadrados.

Ademais, e tal como se soe facer nos edificios públicos de Moraña para manter as liñas tradicionais da construción de Galicia, deixarase a súa parte máis elevada –que alcanza os sete metros- ao aire sostida por grandes vigas de madeira de abeto.

Deja un comentario