+034 986 09 02 04 Luns 20 de Maio de 2019

PEPE LEDE PRESENTA A LISTA COA ACOMPAÑARÁ PARA CONQUISTAR A ALCALDÍA DE RIBADUMIA


A veciñanza da vila do Salnés encheu a Casa da Cultura para coñecer aos integrantes da candidatura socialista á alcaldía

“Afrontamos unha nova etapa Ribadumia cun proxecto ambicioso para gobernar este concello”. Con seguridade, Pepe Lede presentou  a candidatura socialista para as próximas eleccións municipais do 26 de maio.
O candidato á alcaldía lembrou os tempos nos que facer política no concello do Salnés “era complicado”, incluso chegando a ser sinalados. “Só miraban peor aos do BNG”, sinalou entre risas o actual concelleiro no goberno tripartito que lideran os independentes ante unha Casa da Cultura que se encheu con máis de 100 veciñas e veciños que se achegaron a coñecer aos integrantes da lista.
Lede, que agradeceu aos socios de goberno o traballo feito durante estes anos, asegurou que é “o tempo das e dos socialistas”. “Cada ano achégase máis xente a nós, ao PSOE, con ganas de transformar esta vila”, sinalou, para defender con posterioridade que ata votantes tradicionais do PP recoñecen agora que votarán pola lista socialista.
Carmela Silva non quixo perderse esta cita e apoiar a Lede, a quen describiu como “unha boa persoa, algo esencial para ser bo político”. “Eu coñezo a pouca xente que sexa tan humilde e que escoite tan ben coma ti”, sinalou a presidenta da Deputación de Pontevedra.
As diferencias co anterior goberno do PP na institución provincial, onde Louzán dispoñía de fondos de asignación arbitraria, serviron a Silva para poñer blanco sobre negro dúas formas de facer política. “O que temos que facer as e os políticos é garantir que a veciñanza teña unha vida digna, porque para iso nos elixen”, sinalou a actual presidenta da Deputación, para engadir posteriormente que algúns políticos pensan que as administracións “son o seu patrimonio”. “E non, son o patrimonio da xente!”, engadiu.
“A xente está farta de líderes que viven noutro planeta”, continuou Silva entre os aplausos do público. “Dixéronnos que vivíamos demasiado ben. Como se atreven a dicirnos iso?”, denunciou para facer acto seguido un chamamento á participación nas dúas próximas citas coas urnas. “A política é o único instrumentos que temos quen vimos de familias traballadoras para transformar o mundo. A política xerou a sanidade pública, as pensións, a educación”, expuxo. “Este domingo xogámonos que mundo lle queremos deixar ás nosas fillas e fillos”.
Pola súa banda, o secretario xeral provincial das e dos socialistas, David Regades, brindoulle a Lede “o apoio de todo o partido sempre que o precises”. “A política municipal é a política das e dos socialistas, como demostramos en tantas cidades e vilas e demostraremos en Ribadumia”, defendeu.
O máximo dirixente provincial quixo tamén facer unha defensa dos 10 meses de goberno de Pedro Sánchez. “Mentes o PP nos dicía que non era posible, o goberno de Pedro Sánchez subiu as pensións, o salario mínimo, as bolsas”, sinalou Regades. “Pídovos o voto polas nosas e nosos maiores, polas e polos estudantes, polas traballadoras e traballadores. Temos que saír a rúa e convencer á cidadanía da importancia de votar este domingo e en maio”, finalizou.

Deja un comentario