+034 986 09 02 04 Luns 20 de Maio de 2019

AGUSTÍN REGUERA PRESENTA A SÚA CANDIDATURA Á ALCALDÍA DE SOUTOMAIOR


A ampliación do centro de saúde e a conxelación de taxas municipais centran un proxecto que conta con nove caras novas

Agustín Reguera, actual alcalde de Soutomaior, será de novo o candidato do Partido Popular para os comicios do mes de maio. O acto de presentación da candidatura celebrouse esta tarde no edificio Multiusos de Arcade e contou coa presenza da cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Ana Pastor, e o secretario xeral do PP de Galicia, Alfonso Rueda.
“Grazas por deixarme demostrar o meu compromiso con Soutomaior”. Así comezou Reguera unha intervención na que indicou que volve presentarse ás eleccións municipais “con ilusión e o orgullo de representar aos veciños”. Arroupado polo resto de integrantes da candidatura, o cabeza de lista e actual alcalde explicou ante un auditorio abarrotado as propostas do seu programa. “Un proxecto centrado nas persoas, que xorde das necesidades dos veciños, que é a quen nos debo. Ampliando o centro de saúde para ter a sanidade que merecemos, ofrecendo cursos de formación que permitan acceder a un emprego, estando á beira dos máis necesitados aumentando e mellorando ano tras ano a capacidade e a atención dos nosos Servizos Sociais. Estaremos ao lado dos veciños conxelando todas as taxas municipais para reducir a carga das familias”, afirmou Reguera.
Durante a súa intervención, o alcalde fixo un breve repaso do últimos catro anos de mandato. Destacou “a excelente xestión económica do Concello, coa que alcanzamos a Débeda Cero e que nos permitiu conxelar todas as taxas municipais para que os nosos veciños non gasten o seu diñeiro en impostos, senón nas súas familias. Levámolo facendo desde o 2014, e co voso apoio volveremos facer”, comprometeuse o candidato.
Do mesmo xeito, destacou o cumprimento da súa gran promesa electoral das eleccións pasadas, a construción do novo instituto público de Soutomaior. “Unha promesa cumprida que significa un paso de xigante para Soutomaior. Un instituto que permitirá aos nosos mozos seguir estudando nas súas casas, coas súas familias, ata o bacharelato”, explicou Reguera, que finalizou destacando que “o instituto máis novo de Galicia témolo en Soutomaior”.
Durante o seu resumo do mandato o edil tamén destacou o traballo do Concello en cuestións como o transvasamento do río Verdugo, “unha cuestión na que había moitas cousas en xogo, o traballo e a vida de moitas familias que nos necesitaban e que nos tiveron do seu lado, enfrontándonos a quen fixese falta para defender o seu medio de vida e parar esa tolemia do transvasamento”.
Sobre o equipo de goberno, que presenta ata nove caras novas, dun total de 23, con respecto ás eleccións de 2015, o candidato destacou que “é unha mestura perfecta de experiencia e mocidade. Con membros de case todos os barrios do municipio. Queremos ser próximos e accesibles para que todos os veciños vexan no noso equipo a alguén de confianza, un veciño de toda a vida a quen poder acudir”, finalizou Reguera.
Por último, o alcalde agradeceu aos membros que deixaron as listas para estes comicios os seus anos de traballo. “Especialmente a Loli e a Toñin, que se dedicaron durante estes anos en corpo e alma aos nosos veciños, mellorando as nosas infraestruturas e convertendo Soutomaior nunha referencia cultural na comarca”, explicou o alcalde.

Deja un comentario