+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019

AS E OS SOCIALISTAS VISITAN AS INSTALACIÓNS DE DOCAMPO E LABORATORIO ABCR EN FORCAREI


As candidaturas ás Cortes Xerais e o candidato ao Europarlamento estiveron acompañados polo secretario xeral provincial, David Regades, e a candidata á alcaldía, Verónica Pichel

Destacar o potencial do sector produtivo e industrial da provincia de Pontevedra e coñecer de primeira man as súas necesidades foi o obxectivo da visita que esta mañá de mércores realizaron ás fábricas de Docampo e Laboratorio ABCR de Forcarei, dúas empresas líderes nos seus sectores, unha representación de candidatos ao Congreso e á corporación municipal, acompañados de David Regades, secretario xeral provincial e delegado do Goberno na Zona Franca.
Na mesma participaron tamén Guillermo Meijón e Diego Cuiña, candidatos ao Congreso dos Deputados; Nicolás González Casares, candidato ao Parlamento Europeo; e Verónica Pichel, candidata á alcaldía de Forcarei, que exerceu de anfitrioa, acompañada doutros membros da candidatura municipal.
“É un orgullo para a provincia de Pontevedra contar con estas empresas punteiras nos seus sectores”, sinalou Regades, que aproveitou para poñer os recursos da Zona Franca ao servizo das dúas empresas. “Temos que dar un pulo ao sector produtivo e industrial da provincia, con especial incidencia en aquelas zonas que están a sufrir procesos de despoboamento”.
Laboratorios ABCR, dedicada a fabricación de compostos derivados do silicio, acaba de ampliar tanto as súas instalacións como o número de traballadores empregados, algún dos cales proveñen do Plan de Emprego impulsado pola Deputación de Pontevedra nesta última lexislatura, con Carmela Silva á fronte.

“A aposta pola investigación e o desenvolvemento que fai esta empresa é un exemplo de por onde temos que encamiñar o crecemento económico”, defendeu o secretario xeral provincial. “Por iso desde o PSOE imos seguir apostando pola investigación, que durante os gobernos do PP sufriu os maiores recortes da historia da democracia”, engadiu Regades, para quen o tecido empresarial “non pode competir cos países de baixo coste”. “Temos que competir desde o talento e a combinación público-privada es la que garantirá os postos de traballo actuais e futuros”, explicou para finalizar o máximo dirixente provincial.
Na mesma liña se expresou tamén Guillermo Meijón, número dous na lista ao Congreso dos Deputados. “Pontevedra, como o resto de España, ten que apostar por un sector industrial e produtivo con valor engadido, que permite crear postos de traballo con boas condicións”, asegurou.
Pola súa banda, Docampo é unha empresa de elaboración de torradas de pan cunha capacidade de produción de 90.000 torradas por hora que sirve a diferentes provedores. “Unha empresa que ten conseguido unha boa posición no mercado nacional desde Forcarei e que iniciou con éxito a súa saída a mercados internacionais”, defendeu Meijón.
“Se as e os socialistas mantemos ao Goberno apostaremos por desenvolver políticas que permitan un crecemento económico ordenado, que chegue a todas as capas da poboación”, unha aposta que manterá no nivel local Verónica Pichel, a candidata socialista á alcaldía de Forcarei. “Impulsaremos accións que permitan a chegada de novas empresas e a promoción do emprego e dos investimentos en Forcarei”, expuxo tras a visita ás dúas empresas punteiras radicadas na localidade, apostando por poñer en marcha “políticas industriais que permitan a activación da venda de solo industrial para promover o asentamento de novas industrias”.

Deja un comentario