+034 986 09 02 04 Martes 19 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

EN MARCHA A MELLORA DE SEIS QUILÓMETROS DA ESTRADA PROVINCIAL EP-6104 CASTRO-DOZÓN-SAA-ROCHA


Está previsto iniciar os traballos de pintado da sinalización horizontal a semana próxima se a climatoloxía o permite

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra está a realizar os traballos de rehabilitación do firme de case seis quilómetros da estrada provincial EP-6104 Castro-Dozón-Saa-A Rocha dentro do concello de Dozón. Segundo explica o persoal técnico do departamento de Mobilidade esta semana podería quedar rematado o aglomerado, quedando simplemente por executar o pintado da sinalización horizontal.
Este proxecto consiste na mellora da seguranza viaria e peonil da estrada provincial pavimentando a traza existente en case seis quilómetros de vía, dende o punto quilométrico 0+000 ata o 5+900.
Levantouse todo o firme en mal estado, e estanse a aplicar diferentes emulsións asfálticas, regos de adherencia, mesturas bituminosas e microaglomerados que garantirán a seguridade da nova plataforma.
Tamén se inclúe a mellora a drenaxe da estrada, instalando tubaxes nas correspondentes beiravías para evitar que as augas de chuvia ou escorrentías creen balsas na calzada. Por último está previsto iniciar a semana próxima -se a climatoloxía o permite- o pintado das marcas de sinalización horizontal co fin de mellorar a visibilidade da traza da vía, sobre todo en días de néboa e chuvia.
A actuación foi adxudicada á empresa ‘Misturas SA’ por un orzamento de 168.047,22 euros, tendo un prazo máximo de execución de catro meses.
Hai que lembrar que os aforos realizado pola Deputación revelan que a EP-6104 presenta un tráfico medio diario duns 438 vehículos.

Deja un comentario