+034 986 09 02 04 Mércores 17 de Xullo de 2019

LETE LASA MARCA A IGUALDADE REAL E EFECTIVA ENTRE HOMES E MULLERES COMO “UN DOS OBXECTIVOS ESENCIAIS QUE NOS INCUMBE COMO SOCIEDADE” NA GALA DO DEPORTE FEMININO GALEGO


Envía unha mensaxe de agradecemento á Asociación de Mulleres Deportistas Galegas (MUDEGA) polo seu espírito de “fomentar a participación das rapazas e mulleres nas actividades deportivas, e de loitar contra as diferencias entre xéneros”

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na VII Gala do Deporte Feminino Galego na que marcou a procura da igualdade real e efectiva entre homes e mulleres como “un dos obxectivos esenciais que nos incumbe como sociedade”. “Un compromiso explícito e transversal a todas as facetas nas que nos desenvolvemos; un compromiso global que se aplica tamén por suposto ao eido deportivo”, engadiu.

Neste sentido, no seu relatorio, Lete Lasa definiu o deporte que procura a Xunta de Galicia como un deporte que “asegure a todas as mulleres un ambiente onde prime o respecto ás persoas; un deporte no que se incremente o seu papel en todos os roles e funcións; e un deporte, en definitiva, no que se asegure que os coñecementos, experiencias e valores das mulleres contribúan, efectiva e realmente, ao desenvolvemento global”. Seguindo estas instrucións, dixo o secretario xeral, non só mellorará o deporte feminino senón que crecerá o deporte “na súa globalidade para o fortalecemento da sociedade no seu conxunto”.

O mandatario galego tamén enviou unha mensaxe de agradecemento á Asociación de Mulleres Deportistas Galegas (MUDEGA) polo seu espírito de “fomentar a participación das rapazas e mulleres nas actividades deportivas, e de loitar contra as diferencias entre xéneros”. “Un espírito compartido no que nos encontraredes como Secretaría Xeral para o Deporte”, concluíu.

Entre as premiadas no día de hoxe destacan a mellor deportista feminina, Ana Peleteiro; mellor deportista feminina con diversidade funcional, Susana Rodríguez Gacio; mellor deportista feminina promesa, Teresa Abelleira e Malena Mieres; mellor adestradora do deporte feminino, Carla Abad; mellor equipo feminino, Atlético Guardés; premio á traxectoria, Nieves Gamallo; mellor árbitra ou xuíza, Zulema González; mellor directiva (máis comprometida co desenvolvemento do deporte feminino, a directiva do Burela F.S.; mellor club, Cidade de Lugo Fluvial; medio de comunicación amigo do deporte feminino, Diario de Pontevedra e Faro de Vigo; institución pública amiga do deporte feminino, Deputación de Pontevedra; entidade privada máis colaboradora co deporte feminino, Rodosa; mellor iniciativa a prol do deporte feminino, Escola de Fútbol Feminino Rosalía; mención especial, Judith Rodríguez; e as mencións honoríficas In Memoriam, Manuel González Soto e Micalea Sinde.

Deja un comentario