+034 986 09 02 04 Martes 17 de Setembro de 2019

FERVENZA PRESENTA A LISTA COA VISTA POSTA EN DESALOXAR A TELMO MARTÍN: “SOMOS A ALTERNATIVA NATURAL”


A candidata á alcaldía de Sanxenxo pediu á confianza da veciñanza “para coidar a casa de todas e todos que é Sanxenxo”
O salón do Hotel La Terraza de Sanxenxo quedouse pequeno  para acoller ás veciñas e veciños que acudiron á coñecer a lista que acompañará a Ainhoa Fervenza. Entre os presentes, un boa representación de cargos históricos do partido en Sanxenxo, algúns deles pertencentes a corporación que nos 90 conseguiu gobernar a vila.
Coa vista posta en desaloxar a Telmo Martín da alcaldía da vila mariñeira, a candidata á alcaldía asegurou que “estou onde teño que estar, no PSOE”, aludindo a esas candidatas e candidatos “que hoxe están aquí e mañá alá”.
“Sei que as persoas que me acompañan nesta candidatura comparten comigo os valores do PSOE”, explicou Fervenza, “o partido que constrúe un futuro de dereitos”, un futuro que se en España ten avanzado “é gracias aos gobernos socialistas”.
Fervenza describiuse como unha persoa “de acción e obxectivos” que fai dous anos se propuxo “un novo obxectivo, que as e os socialistas volvesen gobernar este concello, e cunha muller á fronte”. “Somos a alternativa natural”, engadiu.
“Somos a peza angular do próximo goberno, todos queren falar con nós”, apuntou, pedindo á veciñanza que depositen nas e nos socialistas a confianza “para coidar a casa de todas e todos que é Sanxenxo”, acusando a Martín de presumir de querer moito á vila “e non facer nada”.
Fervenza contou co apoio do secretario xeral nacional, Gonzalo Caballero, e a deputada autonómica Patricia Vilán, que sinalou que o PSOE “sigue a ser exactamente o mesmo partido que fai 140 anos fundou Pablo Iglesias en Casa Labra” mentres outros partidos “cambiaron de nome” en innumerables ocasións.
Pola súa banda, Caballero mostrou a satisfacción das e dos socialistas “polo traballo feito o pasado 28A”. “A sociedade galega xa non está na dereita, hai un cambio político no país que está farto dos 10 anos de Feijóo”, apuntou.
O máximo dirixente do socialismo en Galicia sinalou que ese cambio “tamén chegou a Sanxenxo”, cun crecemento de voto que, asegura, achega tamén o final do mandato de Telmo Martín. “Entre todas e todos fixemos algo histórico, e temos que seguir a facelo nestas eleccións municipais”, finalizou.

Deja un comentario