+034 986 09 02 04 Mércores 17 de Xullo de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA: “ESTAMOS SAÍNDO DO TÚNEL DO DESEMPREGO PERO TEMOS QUE SEGUIR LOITANDO CONTRA A PRECARIEDADE E CONTRA A TEMPORALIDADE”


A presidenta da Deputación de Pontevedra valorou positivamente os datos de emprego de abril e salientou que “a provincia de Pontevedra é a de maior descenso do paro de toda Galicia”

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosou a súa satisfacción tras coñecer os datos publicados hoxe polo Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social en relación ao descenso do número de persoas desempregadas inscritas nos Servizos Públicos de Emprego en abril. “Estamos saíndo do túnel do desemprego pero temos que seguir loitando para que todo o mundo poida acadar un emprego, algo fundamental para ter dignidade de vida. E tamén temos que seguir a loitar contra a precariedade e contra o emprego temporal”, declarou a presidenta. Silva tamén salientou que “son datos moi positivos que amosan que estamos a ser capaces de lograr que haxa emprego na provincia de Pontevedra, en Galicia e en España”.

En relación aos datos de abril en España, a presidenta da Deputación puxo en valor que o paro diminuíu en 91.518 persoas e que a afiliación á Seguridade Social se situou en 19.230.362 persoas ocupadas, “que é a cifra máis alta dende xuño de 2008”. Pola súa banda, o número de contratos tamén foi moi alto, chegando aos 186.785. “Esta cifra sitúa o mes de abril como segundo mellor de toda a serie histórica en termos de Seguridade Social”, indicou a presidenta. Ademais, en canto á taxa de cobertura, Silva explicou que logrou acadar o 59,6%, “o que supón un aumento do 5,4% respecto ao ano pasado”. “Isto amosa que hai un maior compromiso, e tamén un apoio, coas persoas que máis o necesitan”, asegurou.

En canto á provincia de Pontevedra, Silva quixo salientar que “neste mes de abril descendeu o desemprego en 2.068 persoas, que é un descenso do -3,05%. Así, sitúase como a provincia con maior descenso de toda Galicia”.

Deja un comentario