+034 986 09 02 04 Mércores 15 de Xullo de 2020

OS SOCIALISTAS DE VILANOVA PRESENTAN UNHA LISTA CON FORMACIÓN E EXPERIENCIA PARA REMATAR COAS POLÍTICAS SECTARIAS DO PARTIDO POPULAR


Javier Dios encabeza unha candidatura en cuxa presentación estiveron o secretario xeral dos socialistas, Gonzalo Caballero, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva

O Pazo Vista Real acolleu esta noite a presentación da «mellor candidatura posible para Vilanvoa de Arousa» nun acto no que o candidato socialista á alcaldía do concello, Javier Dios, destacou a cualificación, formación e experiencia das 20 mulleres e homes que conforman a lista para rematar co goberno popular neste municipio e que conforman unha lista «comprometida e responsable» que vai traballar por e para Vilanova de Arousa.
No acto, no que estivo acompañado pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o secretario do PSdG-PSOE, Gonzalo Caballero, Javier Dios tivo palabras de recoñecemento para ambos, que trouxeron de novo ilusión á familia socialista. De Gonzalo Caballero, Javier Dios fixo mención do novo pulo que trouxo á política galega, «imprimindo entusiasmo aos compañeiros e deixando claro que es a mellor opción para ser o vindeiro presidente da Xunta de Galicia» mentres que a Carmela Silva agradecíalle a experiencia de ter formado parte do equipo de goberno da Deputación Provincial, o que lle permitiu gañar experiencia para afrontar con éxito o reto das municipais.
O cabeza da lista por Vilanova tamén fixo mención especial ao cambio radical que experimentou a Deputación nestes catro anos, coa posta en marcha dun novo modelo de xestión, «democrático e transparente, no que os fondos destínanse aos concellos atendendo a criterios xustos, equitativos e igualitarios», que deixan atrás as políticas sectarias e partidistas que caracterizaron aos gobernos no Partido Popular.
Respostas para a veciñanza
«Fronte ao discurso da confrontación, do insulto, da descualificación, fronte ás palabras grosas, nós as e os socialistas ofertamos un proxecto para Vilanova, un proxecto que busca o diálogo, o acordo, o respecto á metade da poboación, as mulleres. Un proxecto centrado nas necesidades e o futuro das veciñas e veciños de Vilanova», afirmou Carmela Silva na súa intervención na que destacou que «imos pór toda a carne no asador para garantir unha vida e empregos dignos e para que Vilanova ocupe o lugar destacado que se merece, rematando coa vella política, a do medo, a dos favores, a do clientelismo».
Actuacións da Deputación en Vilanova
A presidenta da Deputación tamén destacou os investimentos levados adiante pola entidade que preside e que supuxeron unha achega de 5,3 millóns de euros nestes catro anos. «Só con Plan Concellos a Deputación de Pontevedra investiu uns 750.00 euros cada ano no concello», explicou, principalmente destinados a infraestruturas, emprego e actividades. En mobilidade a Deputación investiu case 300 mil euros mentres que en cohesión social investirase ao remate de 2019 máis de medio millón de euros. A todos estes ámbitos hai que sumarlles o de cultura, con máis de 180 mil euros, as instalacións deportivas, nas que se investiron más de 74 mil euros ou actuacións como o acondicionamento no Terrón ou o acondicionamento da ampliación do centro de formación no Pazo de Vista Real, entre outras accións.

Deja un comentario