+034 986 09 02 04 Luns 10 de Agosto de 2020

COMEZAN AS OBRAS DE HUMANIZACIÓN DA CHAN PARA DOTALA DE BEIRARRÚAS MÁIS ANCHAS, MELLORA ESTÉTICA E APARCADOIRO


O proxecto, no que se invisten 450.000 euros incluíndo a consecución do terreo, creará 55 prazas de estacionamento fronte ao centro médico

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de comezar as obras de humanización do núcleo da Chan, onde está a sede da capital do Concello, co desenvolvemento dun proxecto que contempla o ensanchamento de beirarrúas, a creación de grandes espazos para os veciños, a mellora estética da praza e da contorna da capela de San Roque e a creación
dun gran aparcadoiro público e gratuíto.
A empresa Obras, Reformas y Saneamientos (Oresa), adxudicataria desta actuación, iniciou os traballos coa instalación do valado de seguridade e as primeiras zanxas na praza e na vía de conexión cara ao edificio relixioso e coa preparación do terreo para o novo estacionamento, que disporá de 55 prazas fronte ao centro de saúde e as proximidades do consistorio para dar resposta a esta demanda dos veciños.
Este proxecto, que sofreu un longo proceso administrativo pola necesidade de acometer unha modificación urbanística, conta cun investimento de 450.000 euros –incluíndo a consecución dos terreos por parte do Concello– e consistirá no ensanchamento das beirarrúas, o acondicionamento de grandes espazos públicos na Praza da Chan, a dotación de mobiliario urbano, a adopción de solucións que favorezan a confortabilidade do núcleo, a implantación de medidas de calmado de tráfico, a posta en valor e o acondicionamento peonil da capela de San Roque e a súa contorna e, en xeral, a mellora estética de toda a zona, incluíndo a travesía dende o consistorio.
Esta actuación pretende realzar o gran valor patrimonial do núcleo da Chan e concíbese como a terceira fase da súa reforma urbana, que xa se beneficiou, nun proceso escalonado que arrancou no ano 2012, da reforma da Praza do Concello e da mellora da travesía principal.
O presidente municipal, Jorge Cubela, que se achegou ata o comezo das obras e estivo a departir cos responsables da empresa adxudicataria sobre os prazos, solicitou colaboración e prudencia aos veciños pola presenza de maquinaria pesada e operarios e pedíu desculpas polas posibles molestias ata o seu remate, previsto para este verán.

Deja un comentario