+034 986 09 02 04 Mércores 17 de Xullo de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

UNHA MOSTRA REUNIRÁ NO MUSEO AS PEZAS MÁIS SENLLEIRAS DE SEOANE NOS EIDOS DA PINTURA, O GRAVADO,O DEBUXO E A CERÁMICA


Trátase dunha das accións programadas para conmemorar o Día das Artes Galegas, que estará complementada por visitas guiadas e obradoiros para nenas e nenos
Unha combinación de lenzos, gravados, material bibliográfico, debuxos e cerámica conformará a mostra “Celebrando a Seoane”, que poderá verse desde o vindeiro xoves ata o 23 de xuño no Sexto Edificio. Trátase dunha das accións programadas polo Museo de Pontevedra para celebrar o Día das Artes Galegas, dedicado este ano a Luís Seoane, e que estará complementada por visitas guiadas e obradoiros dirixidos ao público infantil. Con esta iniciativa preténdese facer fincapé nas diferentes facetas do artista, ademais de ofrecer unha visión completa e cronolóxica da súa evolución como pintor, debuxante, gravador, ceramista, deseñador e humanista.
A exposición conmemorativa inclúe os óleos ‘Os esmolantes’, ‘Campesiñas dialogando’ e ‘Figuras saudando’, o debuxo ‘Areal e rochas’, os gravados ‘O caído’, ‘Homúnculo de lingua viperina II’ ou ‘Personaxe decididamente místico’, entre outras obras, todas pertencentes á colección do Museo e algunhas delas non exhibidas con anterioridade.
Pola súa banda, “Construíndo con Seoane” será o título do obradoiro dirixido á cativada, de entre 6 e 12 anos de idade, previsto para o día 8 de xuño en dúas quendas, de 11:00 a 13:00 horas e 17:00 a 19.00 horas. Mediante esta actividade, as nenas e nenos terán unha primeira toma de contacto co artista a través das obras expostas, sobre as que compartirán as súas opinións e emocións. Posteriormente, entre todas e todos os participantes realizarán creacións colectivas utilizando a técnica cadáver exquisito, que consiste en, a partires de fragmentos dos personaxes dos cadros de Seoane, ir debuxando e pintando sobre papeis pegados que ao abrilos ofrecerán visións inesperadas.
Ademais, aquelas persoas que desexen afondar na figura deste autor poderán asistir ás visitas guiadas que haberá todos os xoves ás 12:00 horas a partires do día 30, para as que non será necesario inscribirse previamente.

 

Un dos nosos artistas máis internacionais
Luís Seoane López, nado en Buenos Aires no ano 1910 e fillo de emigrantes, é un dos galegos máis importantes do pasado século XX. De feito, dedicóuselle o Día das Letras Galegas do ano 1994 pola súa grande pegada e legado artístico-cultural, que abrangue obra escrita e plástica.
Aínda que avogado de profesión, Seoane pertencía aos círculos galeguistas nos que se movía Castelao, e coma el, realizou o cartel para o Estatuto de 1936 que abre a mostra. O golpe de estado dese mesmo ano levouno de volta á capital porteña onde desenvolveu a súa carreira como artista e acadou a súa madurez con ‘Campesiñas parolando’.
En Arxentina relacionouse con outros artistas no exilio como Alberti, cuxa boa relación deu lugar a proxectos de colaboración entre os que destaca ‘¡Eh, los toros!’. Tamén probou outras técnicas como a do gravado o que lle permitiu profundar noutras calidades cromáticas.
No entanto, e pese a ser considerado un dos grandes pintores en Arxentina, o desexo de volver á súa terra galega era tal que aproveitou á oportunidade que o seu colega Díaz Pardo lle ofertou en 1963. Regresou así de forma temporal a Galicia, tras 27 anos no exilio, co proxecto de revitalizar a cultura galega por medio do Laboratorio de Formas e a reapertura da factoría de Sargadelos. A fábrica de cerámica volveu á vida con novos deseños baseados na cultura popular e pezas tremendamente vangardistas.
No ano 1979 sorprendeuno a morte cando estaba a traballar en ‘Areal e rochas’. Precisamente, esa mariña realizada coa técnica do pastel e a medio esbozar pecha esta exposición dedicada a un dos nosos artistas máis internacionais.

Deja un comentario