+034 986 09 02 04 Mércores 17 de Xullo de 2019

MORAÑA ORGANIZA UN CONCURSO DE CARTEIS PARA A PROMOCIÓN DA FESTA DO CARNEIRO AO ESPETO NO SEU 50º ANIVERSARIO


A iniciativa enmárcase no carácter especial da cita polas súas vodas de ouro e os traballos deben presentarse ata o vindeiro 31 de maio
O Concello de Moraña vén de organizar un concurso de carteis para elixir a imaxe promocional e corporativa da Festa do Carneiro ao Espeto con motivo da edición especial deste ano, no que se cumpre o seu 50º aniversario. Por este motivo, e dada a importancia desta cita na propia identidade do municipio, preténdese que a traxectoria de medio século do Carneiro ao Espeto se vexa reflexada e teña como cartel a obra dalgún veciño do concello.
Así, convocouse un certame coas categorías de adultos e infantil –para nenos de ata 16 anos– que terán como premios un lote do carneiro no día grande da festa o vindeiro 28 de xullo e un paquete de oito entradas para o Ecoparque de Marín, respectivamente, ademais do orgullo de que os traballos gañadores darán imaxe a todas as accións e materiais de promoción da cita gastronómica.
As persoas interesadas en participar teñen que estar empadroados en Moraña e poden presentar un máximo de dous traballos orixinais e inéditos sobre o Carneiro ao Espeto empregando a técnica que desexen (debuxo, fotografía, deseño gráfico…). As obras deben presentarse, sen sinatura e coa simple identificación dun lema, ata o 31 de maio na Biblioteca Municipal. Xa na primeira semana de xuño, o xurado, que será designado polo Concello, elixirá aos dous gañadores.
Con motivo desta iniciativa, a alcaldesa, Luisa Piñeiro, e o tenente de alcalde, José Cela, se achegaron ata o CPI Santa Lucía para dar a coñecer este concurso entre os escolares e animalos a participar no marco dunha campaña informativa deste certame que se despregará nos vindeiros días.
“Trátase dunha edición moi significada dunha festa que é moi especial para Moraña porque forma parte da nosa historia e da nosa idiosincrasia. Por elo, queremos facer algunhas cousas que queden para o recordo desta edición e cremos que escoller un cartel feito por veciños reforza a nosa identidade en torno ao Carneiro e ademáis permitirá diferenciar este 50º aniversario dos anteriores, nos que se empregou a mesma imaxe promocional”, explicou Luisa Piñeiro, que tamén adiantou que se deseñará un logo conmemorativo específico das vodas de ouro da festa.

Deja un comentario