+034 986 09 02 04 Mércores 17 de Xullo de 2019

CUBELA ANUNCIA O QUINTO CENTRO BTT DE GALICIA NA PARROQUIA DE VIASCÓN E COMPROMETE O REMATE DA ESTRADA DE QUIREZA SE SE RECUPERA A DEPUTACIÓN


Tamén desvela a próxima humanización da travesía urbana da estrada entre Viascón e Carballedo e a pavimentación da pista cara Parada de Tenorio
O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade e candidato do PP á Alcaldía, Jorge Cubela, celebrou o seu mitin de apertura de campaña na parroquia de Viascón, na renovada Casa do Pobo, e anunciou a creación do quinto Centro de Bicicletas Todo Terreo (BTT) de toda Galicia no lugar de Atalaia tras froitificar as súas xestións coa Xunta para contar con esta instalación deportiva.
“Imos poñer en marcha un Centro BTT que vai ter gran importancia para o turismo, o deporte e, especialmente, para a socioeconomía do noso municipio, xa que vai atraer a milleiros de persoas durante todo o ano, con máis incidencia nas fins de semana, e iso vai xenerar un importantevolume de negocio na hostalaría e en moitos outros negocios de Viascón e os demais puntos do noso concello”, desveloulle aos veciños. O percorrido discorrerá por puntos de montaña do val de Almofrei, Carballedo, Caroi, Cerdedo e Quireza.
Nesta xuntanza veciñal, Cubela tamén debullou outros compromisos do programa do PP para esta parroquia, como a humanización do tramo urbano da travesía da estrada entre Viascón e Carballedo, a pavimentación integral da pista que se dirixe cara Parada de Tenorio, a segunda fase da reforma da Casa do Pobo, as melloras nas piscinas de Cabanelas, a creación de pastizais de monte, os investimentos en vías, abastecemento e saneamento e as xestións co Ministerio de Fomento para que decrete a paralización definitiva do proxecto de remodelación da estrada N-541.
Por outra banda, o candidato popular trasladará a súa caravana electoral esta tarde ata a parroquia de Quireza, onde comprometerá, tal e como fixera hai bastantes meses, que se rematará a reforma  da estrada Serrapio-Quireza-A Portela, que quedou inconclusa pola decisión do bipartito provincial, se o PP recupera a Deputación de Pontevedra.
“Se a actual parella PSOE-BNG seguen no goberno da Deputación xa nos podemos esquecer de que rematen a estrada de Quireza, xa que, aínda que foron covardes porque non deron a cara ante os veciños, si que deixaron moi claro dende os seus despachos de Pontevedra que non a van a facer en ningún caso”, lamentou Cubela, que recalcou que os populares “respaldan absolutamente a demanda dos veciños de Quireza e apostan firmemente porque se conclúa esta obra co ensanchamento previsto no proxecto e que xa dispón dos terreos expropiados”.

Deja un comentario