+034 986 09 02 04 Luns 20 de Maio de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A CUARTA PROMOCIÓN DA ‘FACULTADE DA COMPOSTAXE’ COMEZA A SÚA FORMACIÓN


As persoas aspirantes que superen o curso da Universidade de Vigo pasarán a formar parte da bolsa de emprego do Plan Revitaliza

A cuarta promoción da ‘Facultade da compostaxe’ do Plan Revitaliza da Deputación comezará a esta semana a súa formación co curso de mestras e mestres composteiros da Universidade de Vigo. Mañá luns pola tarde (15.30h) realizarase o acto público de inicio de curso e benvida ao alumnado que superou as primeiras probas de acceso nas instalacións de Príncipe Felipe, onde se celebrarán as clases prácticas e teóricas e os exames do novo persoal.

O proceso de selección de mestras e mestres composteiros para xestionar os centros de compostaxe comunitaria iniciouse cun exercicio tipo test sobre residuos orgánicos de orixe doméstica e a organización e funcionamento de concellos e deputacións, e cunha segunda proba consistente nunha entrevista persoal obrigatoria pero non eliminatoria. A superación do ‘Curso de Formación de Maestría en Compostaxe’ organizado pola Universidade de Vigo será o que permitirá aos aspirantes formar parte da bolsa de emprego para o plan provincial de compostaxe.

A previsión provincial é realizar os contratos en prácticas a partir do mes de xuño, tendo unha duración dun ano prorrogable a outro ata un máximo de dous exercicios, cunha retribución no primeiro ano do 60% do salario do grupo C1 da Deputación (1.092,77 euros/mes brutos) e do 75% o segundo (1.365,96 euros/mes brutos).

Unha das novidades desta edición da ‘Facultade da Compostaxe’ é que as persoas aspirantes teñen o título de Formación Profesional de grao superior como persoal técnico en Xestión Forestal e do Medio Natural, Paisaxismo e Medio Rural, Laboratorio de Análises e Control de Calidade, Educación e Control Ambiental, Xestión e Organización dos Recursos Naturais e Paisaxísticos, ou Química Ambiental, sendo requisito que non transcorresen máis de cinco anos dende a terminación dos estudos.

Deja un comentario