+034 986 09 02 04 Mércores 17 de Xullo de 2019

PICHEL PRESÉNTASE EN FORCAREI “COS PÉS NA TERRA” PARA GOBERNAR “CON EFICACIA E TRANSPARENCIA”


A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o secretario xeral provincial, David Regades, acompañaron á candidata no acto no que presentou a lista

Con moita ilusión e convencida de cambiar as cousas en Forcarei. Así se mostrou a candidata do PSdeG-PSOE, Verónica Pichel, durante o seu primeiro mitin de campaña, no que presentou as principais liñas de actuación do programa electoral e no que prometeu un goberno “cos pés na terra” para xestionar os recursos públicos “con eficacia e transparencia”.
Pichel e os seus compañeiros e compañeiras de candidatura estiveron arroupados neste encontro que se celebrou  no restaurante Victoria por Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, institución que máis investiu en Forcarei nos últimos catro anos, e polo secretario provincial do PSdeG-PSOE, David Regades. Ámbolos dous amosáronse convencidos de que o cambio chegará por fin a Forcarei nestas eleccións municipais e sinalaron a Verónica Pichel como a persoa idónea para liderar esta transformación.
Os socialistas de Forcarei pediron o apoio das e dos veciños para apostar polo cambio, “dar carpetazo a case sete anos de mala xestión local” e para poder conseguir un goberno “que traballe catro anos e non catro meses”. “Se algo sobra no meu equipo é diálogo e ganas de traballar, porque non teño un equipo, teño un equipazo”, asegurou a candidata, que se comprometeu a representar os intereses de Forcarei onde sexa necesario e a chamar ás portas de todas as administracións para conseguir novos investimentos para Forcarei e para reivindicar ou protestar ante calquera intento de recortar servizos no rural.
Os socialistas centraranse en solucionar moitas cousas que funcionan mal en Forcarei, en evitar perder máis poboación, en implicar á xuventude para que teña un futuro na vila, en recuperar o servizo de axuda no fogar para os maiores, en mellorar os servizos básicos, en apoiar a actividade industrial e en coidar dos montes e as aldeas.
O programa electoral dos socialistas de Forcarei aposta polas familias, con políticas de conciliación e para fomentar a convivencia, incremento das bolsas de estudos e actividades extraescolares, campamento de verán e un auténtico servizo de orientación familiar para garantir a inserción laboral e social.
Os maiores tamén centran boa parte do programa, coa obriga de corrixir a desfeita creada coa suspensión do Servizo de Axuda no Fogar, a necesidade dun Centro de Día e a posta en marcha do ‘BONOTAXI’ para os maiores sen recursos que teñan que desprazarse a Forcarei ou Soutelo para ir ao médico ou acceder a servizos básicos.
Tamén os investimentos son protagonistas, pero os útiles e necesarios. Os socialistas executarán un plan de mantemento viario municipal cunha consulta pública e cun orzamento e calendario “para que canalizar as augas ou asfaltar un camiño non dependa de simpatías políticas, senón de necesidades reais”. Apostan ademais pola rehabilitación das antigas vivendas dos mestres de Forcarei e Soutelo para uso social e alugueiro, a reforma urxente da escola infantil e o espazo de xogos, e o abastecemento de auga en Forcarei.
Loitarán tamén por unha fiscalidade xusta e por apoiar ao sector do campo, cunha revisión da ponencia de valores do IBI; bonificación do 90% no imposto de construcións para a mellora de granxas, ampliación ou instalación das mesmas, e unha liña e axudas para apoiar a aqueles que inicien ou transformen a actividade agrogandeira.
Finalmente, Pichel destacou a “aposta polo noso”, a tradición e o patrimonio como recurso turístico, para recuperar a mobilización de festas como a da Richada ou a do Gaiteiro, poñer en valor e comercializar os numerosos recursos do concello para atraer visitantes que consuman e gocen de Forcarei.
“Preséntome coa convicción de que é o momento do cambio. É o momento de Forcarei. E ese cambio chegará co voso apoio aos socialistas e cun voto decidido e valente por outra forma de facer as cousas -concluíu Pichel-. O 26 de maio podemos facelo posible”.
Apoio da Deputación e da Zona Franca
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou que “Forcarei ten a oportunidade de cambiar o seu destino” o próximo 26 de maio poñendo á fronte do concello a Pichel, “unha muller con forza, formación, ideas e que ten un firme compromiso co seu pobo”.
“Forcarei non pode seguir en mans dunha alcaldesa sen ideas, con un proxecto esgotado e que abandona á xente”, denunciou Silva, sinalando que á realidade “hai que facerlle fronte con ideas e o goberno actual carece delas”. “Hai que cambiar para asegurar o futuro e iso garánteo Verónica e o seu equipo”, sentenciou.
David Regades tamén quixo participar na presentación. O secretario xeral provincial ofreceu a Pichel “todo o apoio do partido” para levar a cabo un proxecto “transformador” para Forcarei. Así mesmo, o tamén delegado do Goberno na Zona Franca ofreceu o apoio da institución para poñer en marcha novos proxectos “que xeren emprego e futuro para esta vila e a súa veciñanza”.
“Forcarei ten con Verónica unha oportunidade para darlle un novo pulo ao pobo”, sinalou Regades, que recoñeceu na candidata as capacidades “de traballo e frescura nas ideas, tan necesarias neste tempos nos que algúns rescatan ideas do século pasado”.

Deja un comentario