+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

AS NEVES ESTREA “UN NOVO ESPAZO PARA AS PERSOAS” NA REMODELADA CONTORNA DA IGREXA DE SANTA MARTA DE RIBARTEME


A actuación do departamento provincial de Mobilidade dotou á zona de calmado do tráfico e seguranza viaria, máis accesibilidade e nova iluminación

O Concello de As Neves dispón dende hoxe dun “novo espazo para as persoas” grazas á mellora da estrada provincial que pasa pola contorna da igrexa de Santa Marta de Ribarteme. Alí o departamento de Mobilidade da Deputación reformou uns 2.000 metros cadrados de superficie, poñendo en valor a construción relixiosa cunha praza dianteira con lastros de pedra, a instalación de medidas de calmado de tráfico e seguranza viaria, o acondicionamento das marxes, a mellora da accesibilidade nos accesos e a nova iluminación.
A veciñanza de As Neves pode gozar deste novo espazo público onde hai prioridade peonil sobre a circulación dos coches xa dende o día de onte, cando se abriu a estrada. Hoxe está previsto rematar os últimos axustes, e mañá recibirase a obra de forma oficial por parte do deputado de Mobilidade Uxío Benítez.
Segundo explica o deputado nacionalista, o proxecto denominado ‘Mellora da seguranza viaria na EP-4201 na contorna da igrexa de Santa Marta de Ribarteme’ tivo un orzamento de licitación de 191.760,92 euros. Tiña como obxectivo poñer en valor dun xeito sensible o espazo en xeral e a igrexa parroquial en particular, “adaptando a estrada provincial ao territorio polo que discorre” e potenciando o uso público e a calidade da contorna, xa que alí se celebra tradicionalmente a romaría máis coñecida de As Neves.
A actuación circunscribiuse a preto de 2.000 metros cadrados da estrada provincial EP-4201 entre Setados-Ribarteme-Vide. Ademais da creación da ‘praza’ na zona dianteira da igrexa –que se elevou con respecto ao resto da vía creando un ámbito de prioridade peonil-, tamén se mellorou o entronque da estrada cara ao núcleo de O Coto, modificando o radio de xiro e as rasantes para redondear o encontro coa estrada provincial.
Dotouse de maior accesibilidade a entrada á igrexa e ao cemiterio -corrixindo as dúas ramplas de acceso ao adro-, e renovouse totalmente a iluminación, instalando novas luminarias de balizamiento no pavimento, luminarias led nos muros de pedra, tiras de led empotradas nos bancos, luces para iluminar as fachadas da igrexa mediante proxección, e proxectores para a imaxe granítica da virxe sobre o muro de contención, conformando un novo espazo moi atractivo visualmente.
Segundo fixo fincapé o deputado Uxío Benítez, a obra en Ribarteme destacou pola total colaboración institucional entre Deputación e Concello de As Neves e a sensibilidade coa que o persoal técnico dirixiu os traballos, escoitando e recollendo na medida do posible as pequenas peticións da veciñanza, co fin de chegar a un proxecto mellorado para o uso de toda a cidadanía e das persoas visitantes que acoden ao lugar. Este é coñecido mundialmente pola procesión de ‘exvotos vivos’ que se celebra cada 29 de xullo por parte de aqueles que cren terse salvado da morte despois do seu ofrecemento a Santa Marta. Así pois, este ano a tradicional procesión de cadaleitos realizarase estreando a reforma da estrada e da contorna.

Deja un comentario