+034 986 09 02 04 Mércores 13 de Novembro de 2019

A ESTRADA OFRECERÁ MEDIO CENTO DE VARIEDADES DE SALMÓN ENTRE A RUTA DE TAPAS E A DEGUSTACIÓN POPULAR NA 46ª EDICIÓN DA CITA GASTRONÓMICA


O profesor e escritor Armando Requeixo será o pregoeiro e os Salmóns de Ouro imporanse ao ex presidente do CIT Luis Reimóndez, a título póstumo, á asociación Codeseda Viva e á empresa Hijos de Rivera
A Estrada servirá nos vindeiros catro días un total de 48 variedades e receitas de salmón entre a Ruta-Degustación de Tapas, que se desenvolverá dende mañá ata o sábado en 28 locais de hostalaría, e a degustación popular tradicional do día grande do certame, que este ano será este domingo 19.
Esta intensa actividade gastronómica foi dada a coñecer esta mañá na presentación oficial da festa, declarada de Interese Turístico de Galicia en 2013, celebrada na sala de xuntas do consistorio estradense coa presenza do concelleiro de Cultura, Juan Constenla, e de Adriana Abelleiro, en representación da Asociación de Hostalaría da Estrada.
Ademais, revelouse que o escritor, profesor e crítico literario mindoniense Armando Requeixo, habitual colaborador nos xurados dos premios literarios da Estrada, será o pregoeiro desta 46ª edición da festa, mentres que os Salmóns de Ouro imporanse ao citado pregoeiro, ao expresidente do Centro de Iniciativas Turísticas (CIT) Luis Reimóndez, a título póstumo, á asociación Codeseda Viva e á empresa Hijos de Rivera. Este acto institucional terá lugar, como
é habitual, o domingo ás 12.00 horas, xusto antes da degustación popular, que acollerá as creacións dunha decena de establecementos no Novo Mercado e a súa contorna.
Polo demais, o resto do programa, que conta cun total de 25 actividades, arrancará na xornada de mañá coa Ruta-Degustación de Tapas. Os locais distribúense por días e nesta primeira data servirán a tapa Argentinos Burguer, Boliche, Bodegón, Velis Nolis, O Paseo, As Tres Portiñas, Os Peares, Val Fresco e O Asador de Leo. O venres tocaralle a quenda a O Lar, Acapulco, Bombilla, Nixon, Samaná, Come, Bebe e Cala, Navegación, O Candil e Enredo e finalmente o sábado pecharase con Gran Vía, Oasis, Don Juan, Eureka, O Café de Xulia, Andalucía, Vasan,
Amadeus, Mesón da Estrada e Nicol´s.
Finalmente, recalcouse que a ampla programación, que contempla actividades culturais, deportivas, infantís e de lecer, conta cunha xornada de xogos, malabares e circo de rúa para os cativos o sábado pola tarde e os concertos de Teo Cardalda con músicos locais nunha Festa Movida Anos 80 o xoves 16 na Zona dos Viños; de Xabier Díaz e as Adufeiras do Salitre o venres 17 na Praza do Concello; e de Iván Ferreiro na noite de vésperas do día grande do
Salmón, o sábado 18, tamén na Praza do Concello.

Deja un comentario