+034 986 09 02 04 Martes 25 de Febreiro de 2020

DAVID REGADES E ANA BELÉN MARTÍN PROMETEN COOPERACIÓN ENTRE ADMINISTRACIÓNS PARA FACER MEDRAR A CANGAS


A candidata socialista á alcaldía denunciou as trabas para emprender na vila: “Os actuais grupos políticos non o están a xestionar adecuadamente”

David Regades, secretario xeral provincial, e Ana Belén Martín, candidata á alcaldía de Cangas, mantiveron un encontro xunto a outros membros da candidatura no que prometeron cooperación entre as diferentes administracións para facer medrar a vila.
“Estamos convencidos de que Ana vai ser a próxima alcaldesa”, sinalou Regades, que destacou a “boa sintonía entre a presidenta da Deputación” e Martín, lembrando que o Goberno de Carmela Silva fixo a maior inversión da historia nesta vila durante este mandato.
O secretario xeral tamén apuntou á boa relación que emana do Goberno central, con Pedro Sánchez á cabeza, quen ve no Morrazo “un forte potencial”. “Imos facer unha aposta decidida polo Morrazo e imos facela cunha ferramenta que temos a disposición en Galicia como é a Zona Franca”, afirmou Regades.
“Ao día seguinte das eleccións poremos en marcha un plan integral para dunha vez por todas facer unha área industrial que tantos anos se leva reclamando en Cangas e no Morrazo”, anunciou quen dirixe Zona Franca. “Porque o PSOE estamos convencidos de que a mellor forma de igualar á sociedade e distribuír a riqueza é creando empregos”, engadiu.
Regades tamén lle trasladou o apoio do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e subliñou a colaboración en áreas como o transporte ou o subministro de auga para “fortalecer o Morrazo e enchelo de oportunidades”.
“As e os socialistas de Cangas imos a traballar para mellorar o chan industrial”, apuntou pola súa banda Martín, candidata á alcaldía de Cangas, que comprometeuse a realizar todos o que estea nas súas mans para reducir as cifras de desemprego.
Martín mostrou tamén o seu apoio ao sector do comercio, das e dos autónomos e das pequenas e medianas empresas, anunciando que se axilizarán os trámites administrativos “para que sexan áxiles, intuitivos i entendibles”, facilitando que a cidadanía que queira poñer en marcha actividades económicas da vila “poida conseguir os seus obxectivos”.
“Os actuais grupos políticos non o están a xestionar adecuadamente”, denunciou a socialista. “Vimos dun partido que acaba de cumprir 140 anos de historia. Temos un programa para a maioría, para as mozas e mozos, para as nenas e nenos, para as e os nosos maiores”, sinalou. “Eu comprométome a facer de Cangas unha vila humanizada, sostible, por e para o pobo”, finalizou.

Deja un comentario