+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019

CUBELA ANUNCIA A CHEGADA DE EMPRESAS DO RAMO AGROALIMENTARIO AO CONCELLO CO APOIO DA CONSELLERÍA DE MEDIO RURAL


O presidente municipal destaca o compromiso da Xunta de investir 10 millóns no próximo mandato nas industrias do sector primario e na creación de pastizais

O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade e candidato do PP á Alcaldía, Jorge Cubela, vén de anunciar a chegada de empresas do sector agroalimentario ao municipio co apoio da Consellería de Medio Rural, o que favorecerá o asentamento industrial, a xeración de riqueza e a creación de emprego, un aspecto no que pretende redobrar esforzos tras conseguir baixar o paro nun 35% na lexislatura que está a piques de chegar ao seu remate.
Cubela fixo este anuncio tras conversar co conselleiro de Medio Rural, José González, e co director xeral de Gandaría e ex vicepresidente municipal, José Balseiros, que se comprometeron a investir 10 millóns de euros no vindeiro mandato no asentamento de industrias deste ramo e na creación de seis grandes pastizais para o gando por todo o municipio. Este contacto produciuse no marco dun multitudinario xantar de apoio á súa candidatura á Alcaldía, que reuniu a un milleiro de persoas en Viascón e no que tamén estivo presidente o deputado Jacobo Moreira.
O candidato popular explicou que “a consellería, na súa labor de apostar pola dinamización constante do sector agrogandeiro e de conseguir a chegada de empresas para Galicia, coñece o forte interese de empresas do ramo agroalimentario por asentarse no noso territorio e está a establecer canles de colaboración para que poida ser realidade nun breve prazo de tempo”. Neste senso, e sen querer adiantar moitos máis detalles por prudencia, Cubela indicou que, nunha primeira fase, se crearán máis dunha vintena de postos de traballo. “Somos o partido do emprego e o imos seguir sendo, porque é a principal demanda dos veciños”, apostillou.
Polo demais, Cubela louvou a capacidade organizativa do PP de Cerdedo-Cotobade e o traballo inxente de todos os membros da candidatura e demais colaboradores “para sacar adiante un xantar desta envergadura e servir unha boa churrascada para un milleiro de persoas” e ironizou con certo cansanzo, xa que el mesmo estivo durante un par de horas cortando carne e servindo as mesas. “Estou completamente abrumado por esta enorme mostra de cariño, tanto a min como ao resto da candidatura, por parte dos nosos veciños, pero teño que dicir que me eleva aínda máis a
responsabilidade con este concello e con toda a súa xente”, concluiu.

Deja un comentario