+034 986 09 02 04 Mércores 15 de Xullo de 2020

AS OBRAS DA A-57 OBRIGAN A CORTAR O TRÁFICO DA ESTRADA PROVINCIAL MARCÓN-PINTOS-A REIGOSA ESTE MARTES E MÉRCORES


A construtora está a colocar vigas e prelousas no van do viaduto que discorre por riba da vía da Deputación

As obras da autovía A-57 que circunvalará Pontevedra obrigarán a cortar o tráfico da estrada provincial EP-0004 Marcón-Pintos-A Reigosa de forma puntual mañá martes día 22 e pasado mércores día 23 entre as 8 e as 13 horas e as 14,30 e as 19.00 horas. Segundo advertiu a empresa construtora, os cortes débense á instalación de vigas e prelousas no van do viaduto que discorre por riba da vía da Deputación.

Estes traballos realízanse logo de terse restablecido o tráfico na EP-0004 despois de que a adxudicataria da A-57 modificase a traza da vía provincial construíndoa dende cero desviada lixeiramente cara á esquerda, baixando tamén a súa cota e eliminando dúas curvas. A reconstrución da estrada debíase a que co novo viaduto a pista da Deputación quedaría sen o gálibo suficiente para manter o tránsito rodado no punto 1+300. A nova ponte da A-57, de 105 metros de lonxitude, 3,5 metros por carril, e tres vans, tamén salva o río Pintos.

O corte que se realizará mañá e pasado estará convenientemente sinalizado ademais de dispoñer dunha persoa advertindo da incidencia ao inicio da vía. Os vehículos que van ao polígono do Camiño terán acceso unicamente pola PO-532.

Deja un comentario