+034 986 09 02 04 Martes 25 de Febreiro de 2020

DAVID REGADES E CARLOS IGLESIAS MANTEÑEN UN ENCONTRO CO TECIDO ECONÓMICO DA ILLA PARA AFONDAR EN FUTUROS CONVENIOS DE COLABORACIÓN


O secretario xeral incidiu nas potencialidades de contar coa Zona Franca para o desenvolvemento de investigacións e implantación de novas tecnoloxías no sector do mar e do pequeno comercio

David Regades, secretario xeral provincial, e Carlos Iglesias, candidato á reelección na alcaldía da Illa de Arousa mantiveron esta noite un encontro co sector empresarial e emprendedor do municipio que lles permitiu recoller as inquedanzas dos sectores económicos da Illa. O encontro, no marco das xuntanzas sectoriais que o alcaldable socialista está a manter ao longo de toda a súa campaña, serviulle ao empresariado arousán para coñecer as vantaxes e potencialidades que ten contar co apoio da Zona Franca de Vigo.
David Regades, ademais de amosar o seu convencemento de que Carlos Iglesias será reelexido como alcalde, fixo fincapé na posibilidade de asinar convenios de colaboración entre este concello e a Zona Franca que lles permitan aos empresarios beneficiarse do I+D+i que leva adiante o consorcio. «Traballando xuntos podemos impulsar e mellorar a internacionalización do sector do mexillón da Illa», afirmou, ao tempo que destacaba o peso específico que ten este sector no tecido industrial do municipio, fortemente vencellado ao sector do mar, e destacaba a importancia de desenvolver sinerxías que permitan mellorar a rendibilidade do sector a través do incremento do peso da exportación dos seus produtos.
«A maioría de vós sodes empresarios do mar e por iso, cando Carlos sexa de novo alcalde, imos afondar nas posibilidades de implantación das novas tecnoloxías nas vosas empresas, desenvolvemento investigacións e aplicacións que permitan a mellora do cultivo do mexillón pero tamén na detección das mareas vermellas ou a implantación do ecommerce para a hostalería e restauración na vila», afirmou o secretario xeral provincial.
Pola súa banda, o candidato socialista incidiu tamén nas potencialidades que ten contar co apoio do consorcio, cuxa misión é impulsar o desenvolvemento económico do noroeste. «Temos que afondar nas relacións coa Zona Franca na que atoparemos a axuda precisa para darlle resposta ás demandas do sector extractivo no que atinxe, por exemplo, ao impacto do cambio climático no mar ou á detección das mareas vermellas, unha vella demanda á que a Xunta segue se lle dar unha resposta», explicou Iglesias.
O candidato socialista tamén aproveitou o encontro para esbozar as propostas económicas que leva no seu programa para continuar a traballar polo futuro do concello entre as que se contan a elaboración de orzamentos máis participativos ou a continuidade das axudas do plan de emprego para a contratación de veciñas e veciños da vila.

Deja un comentario