+034 986 09 02 04 Martes 19 de Novembro de 2019

REGADES E VARELA POÑEN AO SERVIZO DOS SECTORES PRODUTIVOS DE VILAGARCÍA AS FERRAMENTAS DA ZONA FRANCA


O secretario xeral provincial e delegado do Goberno na Zona Franca de Vigo expuxo as diferentes posibilidades que ofrece o ente para o impulso empresarial e comercial
Representantes de varias asociacións empresariais, comerciais e de autónomas e autónomas de Vilagarcía e a súa contorna mantiveron este xoves un encontro con David Regades, secretario xeral provincial, e Alberto Varela, actual alcalde da vila e candidato á reelección.
“Temos que poñer en valor a Zona Franca, unha institución que ata o nomeamento de Regades como delegado por parte do Goberno de Pedro Sánchez era unha gran descoñecida fóra de Vigo”, sinalou Varela, unha afirmación apoiada polo secretario xeral, que chegou ao cargo no ente de promoción económica fai 11 meses.
Fronte a representantes de AHITUVI (Asociación de hostaleiros e iniciativas turísticas de Vilagarcía), Zona Aberta (asociación de comerciantes) e UPTA Arousa (Unión Profesional de Traballadores Autónomos), Regades expuxo as diferentes ferramentas das que consta a institución, como poden ser ViaGalicia, ViaExterior ou Vigo Activo, tres das principais liñas da actuación do ente e das que máis proveito poden sacar os sectores produtivos da comarca.
O delegado do Goberno no Consorcio Zona Franca de Vigo tamén se puxo a disposición das e dos empresarios e comerciantes para manter con eles reunións individuais e personalizadas e poder así afondar en cales dos servizos que ofrece o se poden adaptar mellor ás súas liñas de negocio. “Temos que poñer todos os recursos que poidamos a traballar para que a economía siga medrando e se cree emprego nesta vila”, apostou Regades.
Varela, pola súa banda, recordou a súa acción de goberno á fronte da alcaldía, mantendo ao longo do mandato encontros periódicos cos axentes económicos de Vilagarcía. “Para nós é unha prioridade que as e os profesionais, os comercios e negocios desta vila prosperen, porque nos irá ben a todos”, confesou.
Para ilo, o actual alcalde de Vilagarcía destacou a necesaria colaboración entre institucións e administracións. “Na actualidade as e os socialistas estamos á fronte da Deputación de Pontevedra, do Goberno de España e da Zona Franca de Vigo, e nun ano estaremos tamén á fronte da Xunta”, sostivo Varela, sinalando que a interlocución “é máis doada”.

Deja un comentario