+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019

SOUTOMAIOR FINALIZA A MELLORA DE ACCESIBILIDADE NA BIBLIOTECA MUNICIPAL


O proxecto de reforma conta cun orzamento de 38.730 euros financiados grazas á subvención do grupo de desenvolvemento rural

A biblioteca municipal de Soutomaior xa conta cun novo ascensor de acceso para persoas con mobilidade reducida. A mellora de accesibilidade, que tamén inclúe a instalación dunha nova aula informática, finalizou onte e permitirá a reapertura do centro durante a próxima semana, unha vez finalizados os traballos de limpeza.
O novo elevador permite unha carga útil de 400 kgs e “permitirá aos veciños con problemas de mobilidade facer uso de todos os servizos da biblioteca municipal”, destacou o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, que explicou que “esta clase de melloras afectan directamente na calidade de vida dos veciños e son as que fan de Soutomaior un concello amigable e accesible para todos”.
Para completar a mellora de accesibilidade, reformouse a entrada da biblioteca eliminando os chanzos exteriores e substituíndoos por unha rampla antiescorregadiza. Ademais, dado o reducido espazo do recibidor, substituíronse as portas por un sistema automático de corredera que facilita o acceso.
Nova aula multimedia
A outra gran mellora planeada para esta reforma da biblioteca municipal, que dará comezo nos próximos días, é a nova aula de informática que servirá para impartir cursos de novas tecnoloxías, alfabetización informática, apoio escolar e uso libre para navegar por internet e realizar todo tipo de tarefas informáticas.
“Esta nova aula contribuirá a facilitar o acceso ás novas tecnoloxías por parte de todos os veciños, especialmente aqueles de maior idade e que apenas están familiarizados con conceptos como internet e a contorna dixital”, destacou Reguera.
Entre os aveños que se instalarán destaca unha pantalla táctil interactiva de 65” que servirá de lousa electrónica para os cursos que se impartirán nesta sala. Ademais, dotarase á sala de sete novos equipos informáticos, seis de sobremesa para cada un dos postos e un portátil para o control remoto da pantalla por parte do responsable de cada actividade. Cada equipo contará con auriculares, micrófono, kit inalámbrico de rato e teclado e monitor de parede articulado.

Deja un comentario