+034 986 09 02 04 Domingo 27 de Setembro de 2020

A DEPUTACIÓN CONVOCA O CERTAME DE ARTES PLÁSTICAS ‘NOVOS VALORES’ 2019


A entrega das obras que concorran ao certame deberá realizarse entre o 10 e o 19 de xuño no Sexto Edificio
As datas para a exposición colectiva coas obras seleccionadas e gañadoras establécense entre o 3 de agosto e o 15 de setembro
O BOPPO publica hoxe as bases do certame de artes plásticas ‘Novos Valores’ 2019, convocado polo departamento de Cultura e Lingua co fin de continuar co labor de promoción e impulso ao traballo de creadores e creadoras noveis. Ao igual que nos tres anos anteriores establécense catro premios baixo a fórmula de catro bolsas para ampliación de estudos artísticos e realización de novos proxectos, cun importe de 7.500 euros cada unha.
A convocatoria desta edición tamén establece as datas de entrega de obra a concurso, entre o 10 e o 19 de xuño no Sexto Edificio, e as datas da exposición colectiva coas obras gañadoras e as seleccionadas, entre o 3 de agosto e o 15 de setembro no claustro do Edificio Sarmiento. Como vén sendo habitual, ao certame ‘Novos Valores’ poderán concorrer todos os e as artistas, sen límite de idade, en todas as modalidades artísticas. As bases mencionan a pintura, escultura, debuxo, deseño, gravado, fotografía, cerámica e vídeo creación.
As persoas que se presenten deben ser naturais ou residentes en Galiza e deberán presentar pezas orixinais, non sendo admitidas obras que xa foran expostas tanto en mostras individuais como colectivas. En canto ás pezas, cada artista poderá presentar só unha por cada especialidade, cun peso máximo de 500 quilos e unha dimensión que non supere os 2 metros. En canto ás pezas audiovisuais, deben presentarse en soporte CD ou DVD e non poderán exceder os 5 minutos de duración. Toda a documentación complementaria que debe achegarse no momento de entrega da obra, poderá descargarse da páxina web da Deputación ou solicitala no Museo de Pontevedra e/ou no departamento provincial de Cultura e Lingua.
Na pasada edición foran 99 as obras presentadas ao certame resultando gañadoras unha escultura de Natalia Umpiérrez, unha performance audiovisual de Noela Covelo, unha pintura de Blanca Nieves Lurés, e un vídeo de Lois Búa. Hai que lembrar que as persoas gañadoras da pasada edición protagonizarán unha mostra colectiva no Museo de Pontevedra no último trimestre deste ano, na que exporán a obra resultante das bolsas de ampliación de estudos.

Deja un comentario