+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Xullo de 2019

OS GAÑADORES DE ‘NÓS TAMEN CREAMOS!’ E DE ‘REC-CURTA’ VISITAN O FESTIVAL DE CINE DE CANS


Valentín García e Alfonso Pato acompañaron o alumnado do CEIP A Xunqueira nº 2 de Pontevedra e dos CPR María Inmaculada de Vigo e Padres Franciscanos de Lugo, que acudiron convidados pola Consellería de Cultura e Turismo

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director do Festival de Cans, Alfonso Pato, acompañaron esta mañá 43 estudantes do CEIP A Xunqueira nº 2 de Pontevedra, 25 do CPR Plurilingüe Padres Franciscanos de Lugo e outros 25 do CPR Plurilingüe María Inmaculada de Vigo na súa visita ao XVI Festival de Cans. Os rapaces acudiron ao festival convidados pola Consellería de Cultura e Turismo para presentaren as curtas en galego con que gañaron as pasadas edicións dos certames Nós tamén creamos! e REC-CURTA.

Valentín García animounos a seguir expresándose en galego “por todos os medios que teñades ao voso alcance: oralmente, na conversa cotiá, e tamén por medios escritos e audiovisuais, aproveitando as facilidades para a creación que vos dan hoxe en día as tecnoloxías”. Así mesmo, lembroulles que “a Secretaría Xeral de Política Lingüística sempre vos apoiará nese camiño, tal e como facemos hoxe ao facilitarvos que presentedes o voso magnífico traballo nun festival que alcanzou unha repercusión enorme dentro e fóra de Galicia e que nos honramos de patrocinar”.

Oficios invisibles
Os 93 estudantes tiveron ocasión de coñecer as instalacións do agroglamouroso festival de cine de Cans e subir no famoso chimpín que constitúe o seu medio de transporte oficial. Ademais, asistiron á proxección de diversas curtas seleccionadas pola organización e mais das súas propias, que previamente presentaron ante o público asistente esa mañá ao festival. Trátase dos traballos A mellor sopa do mundo, do alumnado do CEIP A Xunqueira nº 2; Os García, dos estudantes do CPR María Inmaculada, e Radio, dos rapaces do CPR Padres Franciscanos.

Por outro lado, os nenos e nenas de Pontevedra, estudantes de primaria, participaron nun encontro coa montadora e tamén directora Diana Toucedo. Este coloquio forma parte da actividade Oficios invisibles, organizada polo festival en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual co fin de mostrarlles aos nenos o traballo dos diferentes profesionais que fan posible o cine e que non son tan coñecidos para o gran público como os actores e as actrices.

Pola súa banda, os adolescentes dos CPR Padres Franciscanos e María Inmaculada asistiron ao encontro A que andas con persoas que están creando o seu primeiro proxecto no mundo do cine profesional. Esta tarde, participarán nunha sesión de Fillos e fillas de Cans con directores que presentarán os traballos en que están actualmente implicados. Todas estas actividades enmárcanse na sección Cans do Futuro, dirixida a escolares e destinada a darlles a coñecer de primeira man o festival de cine.

Precisamente, o Festival de Cans apoia dun xeito destacado as seccións dirixidas ao público máis novo, como a propia Cans do Futuro ou Minicans, sección que programa mañá sábado o espectáculo de música, narración e debuxo Cores, contos e rock’n’,roll, do músico Pakolas e a ilustradora Marga Romero.

Nós tamén creamos! é un programa de dinamización lingüística da Consellería de Cultura e Turismo e da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Con este programa, no que colaboran a Corporación Radio e Televisión de Galicia e OQOeditora, escolares de educación infantil e primaria elaboran curtas de animación en galego que adaptan narracións literarias. O profesorado recibe materiais e formación para levar adiante co seu alumando estes proxectos cinematográficos.

REC-CURTA é un certame de creación audiovisual que convoca anualmente Escolas Católicas co apoio da Consellería de Cultura e Turismo entre o alumnado dos seus centros educativos, tanto o de primaria coma o de ESO ou bacharelato.

Deja un comentario