+034 986 09 02 04 Sábado 07 de Decembro de 2019

Cores Tourís comprobou o avance das obras de drenaxe do río seco na PO-552 en Viladesuso, Oia


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra recordou que estes traballos, xunto aos xa realizados en outubro e novembro do ano pasado polas últimas riadas, suman un investimento total de case 50.000 euros

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou as obras que se están a executar na PO-552 en Viladesuso, Oia, de cara a mellorar o drenaxe da estrada e evitar as inundacións provocadas polas crecidas do río Seco tanto no vial como nas fincas colindantes.

Na visita, José Manuel Cores Tourís, estivo acompañado do xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez, así como do Xefe do Servizo da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra, Fausto Núñez.

O investimento destes traballos, executados a través da Axencia Galega de Infraestruturas e que se atopan a punto de rematar, foi de 13.500 euros, “aos que temos que sumar o xa investido en outubro e novembro do ano pasado a raíz dos danos causados polas últimas riadas. Nesas obras investíronse 35.662 euros, o que sumado os actuais traballos fan case 50.000 euros”, explicou Cores Tourís.

Os traballos que agora rematan permitiron executar unha tajea no punto quilométrico 30 da PO-552 levando a cabo o recorte do pavimento, demolendo e erguendo o firme asfáltico e escavando a terra para realizar posteriormente un recheo localizado con produtos seleccionados, e aplicando zahorra artificial e formigón bituminoso en quente. Tamén se instalou un caño formado por un tubo de formigón.

Deste xeito, esta obra de drenaxe canaliza o río Seco na súa desembocadura en Viladesuso, “lugar onde se producen importantes concentracións de sedimentos que arrastra a auga da montaña”, engadiu o delegado territorial. “Estes sedimentos reduciron a capacidade hidráulica do sistema ao depositarse pedras dun tamaño moi importante. Agora, coa limpeza executada neste punto da actual canalización e a colocación do novo tubo de 1.200 milímetros de diámetro, que circula en paralelo ao actual, incrementarase a capacidade do sistema de evacuación de augas de drenaxe evitando os colapsos que causaban as inundacións, tanto da estrada como das parcelas situadas nas inmediacións”, matizou Cores Tourís.
O delegado territorial recordou que Augas de Galicia e a Axencia Galega de Infraestruturas están a redactar nestes intres un proxecto para resolver os problemas de enchentes do río Seco de forma definitiva, coa creación dun pontón na desembocadura do río que ocupará os terreos onde se sitúa unha estación de servizo e varias fincas privadas.

Deja un comentario