+034 986 09 02 04 Domingo 05 de Xullo de 2020

A COPA DEPUTACIÓN COÑECERÁ ESTE MÉRCORES O SEU CAMPIÓN MASCULINO NA LOMBA E O 5 DE XUÑO AS CAMPIOAS DA FINAL FEMININA NO CAMPO DO CARRASCO


Pontevedra B e Pontellas deciden o sucesor do tetracampeón Choco na final máis aberta da década con dous equipos que acaban de subir a Preferente e Terceira
A Copa Deputación decidirá mañá e o próximo mércores, coa final masculina e coa feminina, os campións e as campioas 2019 dun torneo que reuniu durante tres meses a 128 equipos da provincia, desde Terceira División a 3ª Autonómica en categoría masculina e desde 2ª División a 2ª Autonómica na feminina.
A Lomba, en Vilagarcía (21:00 horas) recibe este mércores a final masculina ente o Pontevedra B (1ª Autonómica) e o C.D. Pontellas (Preferente Sur) na final máis aberta dos últimos anos. Ademais, será un aliciente extra para dous equipos de éxito esta campaña: o filial granate acaba de conseguir o ascenso a Preferente Sur como subcampión ligueiro e o conxunto porriñés fixo o propio subindo a Terceira División, por vez primeira na súa historia, como campión do grupo sur.
Sergio Moreira, na súa primeira tempada á fronte do equipo, por parte do club da capital, e José Luis Curiel no equipo azulgrana foron os técnicos do ascenso e ambos valoran o evento impulsa e patrocina a administración provincial que preside Carmela Silva, que asistirá á final.
“Disputeina co Atios ante o Unión Grove e perdina; naquel momento non estaba do todo valorada como o está agora”, lembra Curiel (2012, 1-1 ante o Grove e derrota nos penaltis), que estes anos foi eliminado polo Choco (2016), logo campión, e o Sporting Guardés. A ambos lles devolveu agora o desquite deportivo: ao Guardés bateuno 2-5 na Sangriña en cuartos, para meterse nas semifinais (o final sur) e ao equipo redondelán tombouno 2-0 para acceder a esta final. E o Choco levaba catro anos gañando o torneo (de 2015 a 2018) e 29 partidos copeiros sen perder.
Pero a Copa Deputación deste ano, que unha vez máis se disputa en campo de herba natural, converteuse nun torneo de máxima igualdade e abonado ás sorpresas. “As finais hai que xogalas, é unha experiencia e queremos facer un papel digno”, indica Moreira, adestrador do B do Pontevedra.
Ambos os dous equipos chegan ao partido que determina o título ao completo; os granates darán entrada na convocatoria a dous xuvenís, Garrido e Manu Otero, e queren despedir a tempada cunha alegría máis. “Quédanos a espinita de non ser

campións ao perder en Pasarón ante o Portonovo, pero a tempada foi moi boa”, recoñece o técnico pontevedrés.
Curiel ten algún xogador con molestias, pero todos estarán dispoñibles. A fin de semana deu descanso a varios xogadores pensando na Copa e en que a fin de semana xogarán en Santa Isabel por ser o mellor equipo de toda a Preferente galega.
A traxectoria copeira de ambos os dous once foi brillante. O Pontevedra B, que actuará como conxunto local, desfíxose do Noalla (0-6), Beluso (2-1), San Martín (4-3), Moraña (1-5), Alondras (1-1 e 5-4 nos penaltis) e Marcón Atlético (1-0). É dicir, na Junquera deixou na cuneta a equipos de Preferente Sur (Beluso e Marcón At.). O Pontellas, que tamén soubo sufrir nos penaltis (primeira eliminatoria, 2-2 en As Baloutas contra o Mos e 1-3 desde os once metros), derrotou claramente ao Choco (2-0, goles de Javier Alonso e Alberto Barreiro) en San Campio 2.
“Chegar á final foi unha sorpresa que non entraba nos nosos plans, pero agora hai que gozala”, di Sergio Moreira. “A Copa mantenche o nivel competitivo e manexas a xente entre domingo e mércores e sempre lle digo aos meus xogadores que, xa que estamos imos gañar. É moi atractiva”.
Por categoría na que xoga, o Pontellas é favorito sobre o papel ao estar unha por encima do seu adversario. “Non me din nada as categorías porque a Copa dá lugar a moita resultados sorpresa e o persoal do Pontevedra B é unha quinta que leva tempo dando que falar”, resumiu Curiel.

Deja un comentario