+034 986 09 02 04 Domingo 27 de Setembro de 2020

O TELEVISIVO MIGUEL LAGO PROTAGONIZARÁ O MONÓLOGO HUMORÍSTICO DO FICBUEU 2019


 

O actor galego, colaborador do programa de Risto Mejide en Cuatro, actuará o 8 de setembro no Festival Internacional de Curtametraxes
O actor Miguel Lago protagonizará o monólogo do 12º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que se desenvolverá do 6 ao 14 de setembro. Tras o éxito colleitado o ano pasado co stand up de Carlos Blanco, o FICBUEU volve apostar por esta entretida fórmula na súa programación, dentro das actividades complementarias ás proxeccións. O espectáculo ‘Miguel Lago en directo’ terá lugar o domingo 8 ás 22 horas no Centro Social do Mar e as entradas poranse á venda o próximo 15 de xuño na web do certame.
O cómico vigués colabora na actualidade con ‘Todo es mentira’, o magacín de tarde que Risto Mejide presenta en Cuatro, despois das súas aplaudidas aparicións en ‘El club de la comedia’, o ‘Late motiv’ de Buenafuente ou ‘La resistencia’ de Broncano, entre outros espazos televisivos e radiofónicos como ‘Carne cruda’. Como actor, alén dalgunha curtametraxe, vímolo en series como ‘Las chicas del cable’ e ‘Curso del 63’. Sobre as táboas, tras varias temporadas de éxito con ‘Soy un miserable’, nestes intres está de xira co show ‘Miguel Lago pone orden’, que na súa anterior etapa en Madrid pendurou o cartel de “aforo completo” en todas as funcións.
A Bueu chegará co espectáculo ‘Miguel Lago en directo’, no que introduce novidades tanto no texto como na escenografía e que, como de costume, será calquera cousa menos politicamente correcto, pese ao que a indumentaria do seu alter ego poida suxerir. Franqueza, sarcasmo e catarse combinaranse no escenario do Centro Social do Mar, amosando unha maneira moi particular de ver o mundo. Toda a actualidade do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu pódese seguir na páxina www.ficbueu.com e nas redes sociais.

Deja un comentario