+034 986 09 02 04 Domingo 05 de Xullo de 2020

SORTEADAS AS PRAZAS DOS CAMPAMENTOS POLIDEPORTIVOS PRÍNCIPE FELIPE DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA


Participarán un total de 300 nenas e nenos de toda a provincia, en 6 quendas distintas, dende o 8 de xullo ata o 24 de agosto

A Deputación de Pontevedra realizou esta mañá, no Pazo Provincial, o sorteo informático das 300 prazas para os campamentos polideportivos deste ano, que se van desenvolver en 6 quendas distintas entre o 8 de xullo e o 24 de agosto, nas instalacións do Centro Príncipe Felipe. Esta iniciativa permite que nenas e nenos da provincia, nadas e nados entre 2005 e 2012 (ambos incluídos), gocen do seu tempo libre no verán participando en actividades de carácter lúdico e deportivo que contribúan ao seu enriquecemento persoal.

Máis polo miúdo, o sorteo informático estableceu as nenas e nenos que participarán en cada unha das quendas. Así, a primeira comezará o 8 de xullo e rematará o 13 e as seguintes serán do 15 ao 20 de xullo, do 22 ao 27 de xullo, do 5 ao 10 de agosto, do 12 ao 17 de agosto e a última quenda será do 19 ao 24 de agosto. O resultado do sorteo está dispoñible dende hoxe na web da Deputación, www.depo.gal , cun buscador dispoñible, no que as familias -a través do NIF do pai/nai/titora ou titor legal e data de nacemento da crianza- poden consultar se a nena ou neno ten praza e en que quenda ou se non ten praza e en que posición das listas de agarda se atopa. Ademais, as familias beneficiarias de praza recibirán un SMS cunha clave e identificador para acceder aos seus datos no listado e poder realizar o pagamento, ben descargando o recibo ou ben mediante pago telemático.

A través desta iniciativa, a Deputación de Pontevedra ten como obxectivo promover e fomentar o desenvolvemento persoal e social das nenas e nenos da provincia. Neste eido, cada un dos campamentos, de seis días de duración, incorporan saídas ao medio rural, tiro con arco, actividades acuáticas e obradoiros.

Deja un comentario