+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Xaneiro de 2020

LETE LASA DEFINE O CAMPIONATO EUROPEO JÚNIOR DE LOITAS OLÍMPICAS DE PONTEVEDRA COMO UN “FITO HISTÓRICO” NO QUE GALICIA “TEN MOITO QUE DICIR”


As licenzas federativas de loita medraron nun 50% nesta última tempada chegando a rozar as 2.000, das que un 35% son femininas
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe na presentación do Campionato de Europa Júnior de Loitas Olímpicas que terá lugar en Pontevedra entre o 3 e o 9 de xuño nas tres especialidades deportivas de loita grecorromana, loita libre feminina e loita libre olímpica. Na súa intervención o secretario xeral destacou que “Galicia ten moito que dicir nun deporte tan antigo e popular como a loita” como demostra que as licenzas federativas medraran nun 50% nesta última tempada chegando a rozar as 2.000, das que un 35% son femininas. “E como parte da historia que xa formamos, queremos facer de novo historia con este Campionato Europeo Júnior de Loitas Olímpicas”, dixo e insistiu en que o campionato será “un fito histórico dunha modalidade deportiva en plena expansión que volverá converter a Pontevedra no referente deportivo mundial pouco despois do Mundial ITU Multideporte de Tríatlon e pouco antes do Mundial Júnior de Balonmán”.

O mandatario galego fixo un repaso histórico da loita e valorou este deporte como un dos “más antigos e populares”. Agora, “o crisol de culturas, épocas, civilizacións e sociedades polas que pasou chega a Pontevedra representado por 37 países do vello continente”, dixo. En total serán unhas 1.500 persoas as desprazadas a Pontevedra, entre as que haberá 800 deportistas que competirán no Europeo. A Selección española acude ao campionato con 30 deportistas e un 10% de galegos, “auténticos abandeirados dun europeo que se xoga na súa casa”.

Lete Lasa asegurou que os tres representantes galegos -Nerea Pampín (-65 kg. Club Keltoi de Vila de Cruces), Carlos Yobani (-65 kg. Club Loitas Olímpicas Vilalba) e Santiago Sánchez (-86 kg. Club Keltoi de Vila de Cruces)- “realizarán un torneo fantástico e poderán regalarnos un novo éxito internacional aos que xa nos teñen acostumados”. Do mesmo xeito, o secretario xeral destacou a Marcos Araujo Pereira, como membro do colectivo arbitral.

Asemade, o responsable do departamento deportivo da Xunta destacou a importancia do deporte nas “idades más temperás como un dos mellores bálsamos para o futuro da nosa sociedade” e lembrou que Pontevedra xa foi sede do Campionato de España Escolar e Cadete de Loitas Olímpicas en 2018.

Deja un comentario