+034 986 09 02 04 Venres 23 de Agosto de 2019

CERDEDO-COTOBADE VOLVE LIDERAR A OFERTA GALEGA DE PRAIAS FLUVIAIS CON CINCO ZONAS DE BAÑO NESTA TEMPADA


Os controis certifican que todos estes espazos de lecer estival contan cunha calidade de auga excelente agás o de Pozo Negro que a ten boa

O Concello de Cerdedo-Cotobade volve liderar, por segundo ano consecutivo, a oferta de praias fluviais e de zonas de baño de augas continentais en toda Galicia na tempada 2019, xa que dispón novamente de ata cinco espazos catalogados para este lecer no censo oficial da Consellería de Sanidade.

Ademais, estas zonas de baño son de primeiro nivel, segundo se desprende dos datos oficiais do estado dos caudais destas áreas de lecer dados a coñecer, como todos os anos, pola Xunta. Deste xeito, o municipio conta coas praias de Carballedo, Xesteira (Almofrei) e Pozo Negro (Rebordelo) bañadas polo río Almofrei, Río Cabanelas-Viascón e Calvelo (Tenorio), xa correspondente co Lérez, e todas elas contan cun estado da auga “excelente”, agás a do Pozo Negro, que este ano conta coa calificación de “boa”.

Deste xeito, o Concello de Cerdedo-Cotobade vai encabezar de novo folgadamente esta oferta de lecer en toda a comunidade, xa que, con cinco praias de máximo nivel, sitúase claramente por diante das tres coas que contan outros municipios como As Pontes de García Rodríguez, Ponteareas ou Soutomaior.

“Cando dicimos que temos unha beleza natural impresionante, con moito que ver e do que gozar, e un medio ambiente privilexiado non se nos enche a boca, simplemente tratamos de constatar unha realidade e publicitala, porque a verdade é que o que temos ben paga a pena”, sinalou o presidente municipal en funcións, Jorge Cubela, que engadíu que estas zonas de baño de augas continentais complétanse coa praia fluvial de Cerdedo, que “xa é outro tipo de espazo pola inmellorable infraestrutura coa que conta e que tamén é un lugar ideal para tomar un baño e relaxarse aos pés do Monte Seixo”.

Por todo elo, Cubela quixo animar aos veciños e aos visitantes a gozar destas zonas dende xa aproveitando a forte calor e a benigna climatoloxía que vai haber durante estes días e que se extenderá á fin de semana.

Deja un comentario