+034 986 09 02 04 Sábado 07 de Decembro de 2019

A FEIRA FESTUR 2019 DESCUBRIRÁ AOS SEUS VISITANTES O ATRACTIVO DE 46 FESTAS GALEGAS DE INTERESE TURÍSTICO


ESTAS CELEBRACIÓNS REALÍZANSE EN 35 CONCELLOS DIFERENTES, OS CALES ESTÁN PRESENTES NA ÁREA EXPOSITIVA DO CERTAME DE FORMA INDIVIDUAL OU A TRAVÉS DE MANCOMUNIDADES E XEODESTINOS

A VI Feira de Festas de Interese Turístico, Festur 2019, a cal se celebra conxuntamente co salón de turismo Turexpo Galicia e de forma paralela á 42ª Abanca Semana Verde de Galicia, contará do 6 ao 9 de xuño coa participación de 46 celebracións das catro provincias galegas con este recoñecemento.

Estas festas de interese turístico celébranse en 35 concellos, os cales estarán presentes na área expositiva de forma individual ou a través de mancomunidades e xeodestinos. Nos seus stands amosarán material e informarán aos visitantes. Ademais, moitas delas levarán a cabo distintas actividades durante a feira, como degustacións e exhibicións, en función do seu carácter.

As festas gastronómicas que realizarán degustacións en distintos momentos do certame serán a do Pan de Cea, de San Cristovo de Cea; Pescada do Pincho de Celeiro, de Viveiro; Empanada de Bandeira e Tortilla de Laro, ambas de Silleda; Festa do Xamón, de A Cañiza; do Bonito, de Burela; do Carneiro ao Espeto, de Moraña; do Lacón con Grelos, de Cuntis; da Festa da Castaña, de Folgoso do Courel; do Pan, de Neda, e da festa do Polbo, de Mugardos.

Outras celebracións levarán a cabo vistosas representacións e exhibicións, como a da Olería de Buño, de Malpica de Bergantiños; Mostra do Encaixe, de Camariñas; Filandón de Músicas, de O Courel e de dúas romarías, a Vikinga, de Catoira, e a da Saínza de Rairiz de Veiga. Tamén se realizará algunha mostra, como unha alfombra do Corpus Christi, de Ponteareas, ou de vestiario do Entroido dos Xenerais do Ulla, que se celebra en cinco dos concellos presentes, Boqueixón, Silleda, A Estrada, Vedra e Vila de Cruces.

As restantes festas participantes na feira Festur 2019, a cal conta co apoio da Axencia Turismo de Galicia, mostrarán as súas particularidades nos seus stands. Serán a da Rapa das Bestas e Festa do Salmón, de A Estrada; do Pemento de Padrón; as feiras do Cocido, de Lalín, e de Santos, de Monterroso; o Festival Internacional do Mundo Celta, de Ortigueira; o Entroido de Vilariño de Conso; Festa da Filloa de Lestedo, de Boqueixón; do Galo de Curral de Vila de Cruces; Romaría de Santo Hadrián de Malpica de Bergantiños; a Semana Santa, O Naseiro e a Rapa das Bestas de Candaoso, de Viveiro; O Naufraxio, de Laxe; a Festa do Percebe do Roncudo, de Ponteceso; a Xuntanza Internacional de Gaiteiros, de Monterrei: e as Festas Patronais de San Roque, a Feira Franca Medieval e a Semana Santa, as tres de Betanzos. Tamén se promocionarán a Festa de Xesús Nazareno, de A Pobra do Caramiñal; da Virxe de Guadalupe, de Rianxo; da Dorna, de Ribeira, e a Romaría de San Ramón de Bealo, de Boiro, todos eles representados pola Mancomunidade Arousa Norte. Ademais, do xeodestino O Ribeiro-Carballiño, estarán a Festa da Istoria e a do Viño do Ribeiro, de Ribadavia; do Polbo de O Carballiño e do Pemento, de A Arnoia.

Outras degustacións e actuacións

Ademais destas festas recoñecidas como de interese turístico, Festur acollerá degustacións doutras celebracións pertencentes a concellos participantes na feira, como a Festa da Paella de Cortegada, a do Lacón, a dos Callos Anxemil-Martixe, a do Bolo Preñado e a da Panceta, todas elas de Silleda.

A estas sumaranse outras actividades promovidas polos municipios presentes, entre elas as catas de produtos gastronómicos do Val do Ulla (Boqueixón, Vedra e Vila de Cruces) e de Arousa Norte, ademais de degustacións de repostería e de cabrito de Vilariño de Conso, de viños de Monterrei, e de Rosquillas de Abades, de Silleda. Tamén se levarán a cabo exhibicións das danzas gremiais de “mariñeiros” infantís de Betanzos ou dunha rondalla mugardesa, de Mugardos.

Deja un comentario