+034 986 09 02 04 Sábado 07 de Decembro de 2019

A XUNTA ACOMETERÁ A REFORMA INTEGRAL DO CENTRO DE MENORES AVELINO MONTERO E DA RESIDENCIA DE CAMPOLONGO


Investirá 3,3 millóns de euros para renovar as envolventes, cerramentos, así como modernizar as habitacións

A Xunta de Galicia financiará senllas reformas integrais no centro de menores Avelino Montero e na residencia de maiores de Campolongo con cargo ao superávit autonómico de 2018. O importe destinado para acometer ambas obras supera os 3,3 millóns de euros.

Os traballos no centro de menores consistirán na renovación da envolvente exterior da edificación e os cerramentos, así como a mellora das aulas, habitacións e demais instalacións. Ademais de mellorar a comodidade dos residentes, visitantes e persoal do centro, os traballos aumentarán a eficiencia enerxética, algo que beneficiará o medio ambiente e permitirá reducir o gasto necesario para manter o inmoble a unha temperatura óptima.

Estas dúas son as obras de maior calado que se poñerán en marcha dentro deste paquete de actuacións. En concreto, as medidas de mellora que se levarán a cabo no centro de menores Avelino Montero teñen un orzamento de máis de 1,3 millóns de euros. Pola súa banda, o investimento na reforma integral da residencia de maiores de Campolongo é de 2 millóns de euros. As actuacións forman parte do plan de obras da Consellería de Política Social.

Outras actuacións na provincia
En total serán oito os centros dependentes da Consellería de Política Social na provincia de Pontevedra que se beneficiarán deste plan de obras. Ademais destes dous da cidade do Lérez, tamén se acometerá obras en catro instalacións da comarca de Vigo: unha reforma integral na residencia xuvenil Altamar, mellora da instalación de auga quente na residencia de tempo libre de Panxón, renovación da cociña do Centro Residencial de Atención a Persoas con Discapacidade (CPRD) de Vigo e o acondicionamento da fachada e do interior do centro sociocomunitario O Calvario.

A maiores destas actuación, tamén se renovará a instalación de illamento térmico e se poñerá en marcha unha actuación para a mellora lumínica na residencia de Maiores de A Estrada; e no Centro Ocupacional de O Saiar, en Caldas de Reis, desenvolveranse traballos para mellorar o illamento térmico e a substitución de carpinterías. Nesta provincia, o Goberno galego investirá 5,3 millóns de euros ao abeiro deste programa.

No conxunto de Galicia hai proxectadas intervencións de reforma e modernización en 34 centros de benestar social, por un montante global de 13,7 millóns de euros e que beneficiarán ás máis de 50.000 persoas que son usuarias dos mesmos. A previsión é que as obras comecen neste 2019, aínda que as de maior calado poderían rematarse no próximo 2020.

 

Deja un comentario